• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Libros con memoria

¡Viva la libertad!

21,90 
La silenciada historia del maestro Fernando Barcia en el Santiago de la segunda República

Miguel Paz Cabo

 

Pp.: 264. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-16460-73-1

 

Fernando Barcia Veiras é unha das figuras máis destacadas do Santiago republicano; non obstante, o seu nome permaneceu ata o día de hoxe no esquecemento, incluso dos seus propios compañeiros. Presidiu a Asociación Socialista de Santiago dende 1931 ata o seu asasinato en 1938; mestre rural e presidente da Asociación de Traballadores do Ensino, desempeñou un papel fundamental durante os meses do goberno da Fronte Popular e na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. A súa relevancia política e o seu carácter levárono finalmente a presidir o Comité Executivo para a Defensa da República, encargado de organizar a resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936.

 

Esta obra rescata a súa figura e, coa axuda de fontes orais, arquivos familiares e militares, hemerotecas, etc., reconstrúe, a través da súa vida, a historia do Santiago republicano, as súas rúas e tendas, o seu bulicio e os seus protagonistas. Juan Jesús González, Jesús Parrado e Ramona Blanco volven visitar estes lugares atopándose con sinistros personaxes como Otilia Ulbricht ou Víctor Muñoz. Unha reconstrución histórica que nos permite reflexionar sobre o significado e o alcance da represión franquista.

 

Este ensaio –que equilibra perfectamente o rigor documental e a claridade da exposición– enriquécese con máis de cincuenta imaxes e documentos –que inclúen as cartas de despedida de Fernando Barcia– e 17 ilustracións do pintor Alfonso Martínez. Inclúe, por fin, e por primeira vez, unha ruta completa polo Santiago republicano.

Aramados

17,50 
Os meus nove meses polos campos de concentración de Francia
Manuel García Gerpe
Traducido por Miro Villar

 

Pp.: 166. Formato 15 x 20 cm.
ISBN 978-84-16460-83-0

 

Aramados é un dos libros “perdidos” do exilio republicano galego e español. Escrito no campo de concentración francés de Septfonds durante 1939, o seu autor é o avogado, político, xornalista e escritor galego natural de Ordes Manuel García Gerpe, quen, en febreiro de 1939, xunto con miles de exiliados en condicións extremas, tivo que cruzar a fronteira francesa para confinarse en varios campos para refuxiados; entre eles, o de concentración de Septfonds, na rexión de Mediodía-Pireneos. Despois de nove meses durísimos, consegue axuda dende Buenos Aires e logra embarcar a finais de 1939. Na cidade porteña continúa a súa loita contra a ditadura. Unha das primeiras accións será publicar Alambradas (Editorial Celta, Buenos Aires, 1941), a crónica ficcionada dos seus nove meses no campo de concentración francés. Pouco máis tarde, aflixido e enfermo, falece un 4 de xullo de 1949.

 

Medio século despois, en 2019, o poeta, tradutor e profesor Miro Villar (Cee, 1965) afronta a tradución de Alambradas / Aramados, unha crónica que rescatamos este 2020 e que non volvera ser editada dende 1941.

 

Dende Buenos Aires, escribe García Gerpe o 14 de abril de 1941:

“Móveme e impúlsame tan só a dor dos meus compatriotas; que por ser deles é miña. Máis de 150.000 refuxiados españois, que levan dous anos longos de cativerio entre aramados, continúan hoxe, presos desta dor, flotando en toda clase de enfermidades, loitando coa morte, tan desafiuzados, tan afastados e esquecidos do mundo como nos primeiros días do noso martirio, cando aínda non se expandira aos catro ventos a inmensa dor dun pobo escravizado”.

 

No Limiar, o tradutor, Miro Villar, afirma:

“Non oculta o autor o duro debate político entre os propios refuxiados, o que acontece no exterior e mesmo noutros campos, a través da correspondencia que reciben, ou a discusión política sobre os criterios á hora de escolleren ás persoas que poderán exiliarse nalgún dos barcos que se están a preparar, nun proceso cheo de dificultades (…) que revelan en ocasións a baixeza humana en situacións límite”.

Cartas de un condenado a muerte

18,50 

Los últimos días en prisión en 1936 y 1937 del republicano gallego José Mejuto

 

Formato: 13 x23 cms. Pp.: 224
ISBN: 978-84-89323-91-9

 

****80 ANIVERSARIO GUERRA (IN)CIVIL 1936-2016****

 

Un testemuño único, conmovedor, da guerra civil española. Trinta e catro cartas escritas, entre outubro de 1936 e xuño de 1937, nos cárceres de Vigo, San Simón e Pontevedra polo preso republicano galego José Mejuto Bernárdez (1905-1937). Custodiadas na Arxentina pola súa muller e a súa neta, e depositados os orixinais dende 2015 na Real Academia Galega, ven agora a luz por vez primeira nunha edición ao coidado de Olivia Rodríguez que conta coa participación de Eduardo Galeano, Xesús Alonso Montero e da propia neta de José Mejuto, Ana Paula Mejuto.

 

«La sencilla historia de este obrero gallego, culpable de nada, es la historia de España, condenada a cuarenta años de miedo y casi cuarenta años de amnesia».

EDUARDO GALEANO

 

«Estas cartas, como un tesoro inestimable, recogen el ser de mi abuelo, sus últimas sonrisas, sus últimas palabras que lo rescatan del dominio de la muerte injusta. Hablan por todos los seres humanos que sufrieron el mismo destino. Sobre cada uno de los fusilados reposa un universo». 
ANA PAULA MEJUTO

 

«Las cartas de José Mejuto Bernárdez son una página antológica de la epistolografía de los condenados a muerte de la guerra civil española. Una obra, por otra parte, que debería ser libro de texto, en los institutos, en las clases de Historia, de Ética y de Literatura».
XESÚS ALONSO MONTERO

Cartel histórico de 1936: “Estatuto de Galicia, SI” (facsimilar)

6,00 

Camilo Díaz Baliño

 

Formato: 32×45 cms
Cartolina estucada semi-mate de 300 gr.

 

Histórico cartel da campaña do Estatuto de Autonomía de Galicia plebiscitado o 28 de xuño de 1936. Reproducido en edición facsimilar e tratado polo deseñador Martiño Picallo. É un dos traballos máis coñecidos e brillantes deste pioneiro do deseño galego: Camilo Díaz Baliño, nacido en Ferrol en 1889, director artístico do Concello de Santiago de Compostela nos anos 30 do século pasado e asasinado polo franquismo en 1936. Díaz Baliño foi irmán da pintora e profesora Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) e pai do refundador de Sargadelos e editor Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920-2012).

 

Neste “Estatuto de Galicia, SI” vemos, sobre fondo claro, unha muller vestida de azul que se apoia nunha gran roda dentada, alusiva ao progreso, e levanta coa esquerda unha póla de oliveira, símbolo da vitoria. No peito leva o Escudo de Galicia, e a súa cabeza vai cuberta por un amplo pano, que lle tapa os ollos, coma unha sacerdotisa, levando na cima unha estrela.

 

Abaixo, a carón da sinatura do autor, aparece o nome da imprenta orixinal: Offset Roel Vigo. A presente edición facsimilar foi realizada en Max Dixital en Santiago de Compostela.

 

Cartel histórico de La Barraca de Lorca en A Coruña [Facsimilar de 1932]

6,00 

EDICIÓN FACSIMILAR 90 ANIVERSARIO DE LA BARRACA EN GALICIA

Medidas 30 x 44 cm.
Cartolina estucada semimate 300 gr.

 

Os días luns 22 e martes 23 de agosto de 1932, a compañía teatral universitaria La Barraca, dirixida por Federico García Lorca, actuaba na cidade da Coruña, primeira parada dentro da ampla xira galega de dez días que tamén a levaría a Santiago de Compostela, Vigo, Baiona, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ribadeo. Este é o cartel histórico que anunciaba polas rúas da cidade aquela actuación. Nunha edición facsimilar de Alvarellos Editora que conmemora os 90 anos de La Barraca en Galicia.

 

NP-G-Cartel-La-Barraca-Lorca-Coruna-1932

 

 

 

Correspondencia [1928-1958]

24,00 

CARTAS INÉDITAS E DISPERSAS

 

Carlos Maside

 

Formato: 14 x 21 cms | 460 pp | Cartonado
ISBN 978-84-89323-98-8

 

O indiscutible renovador da arte galega da primeira metade do século XX, Carlos Maside (Pontecesures, 1897 – Santiago, 1958), mantivo, durante toda a súa vida, unha rica e continuada relación epistolar con gran parte da intelectualidade galega do seu tempo: a do exilio e tamén a do chamado “exilio interior” (tal era o seu caso).

 

Este volume, o número 20 da Colección Rescate de Alvarellos Editora, reúne 179 cartas do pintor –a maior parte delas, inéditas–: dende 1928 ata a derradeira, dous meses antes de falecer. A correspondencia, atravesada primeiro polo silencio da guerra e despois pola longa represión, foi reunida e transcrita pola catedrática de Historia María Esther Rodríguez Losada, nunha edición ao coidado do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela e que publica Alvarellos Editora en colaboración co Consorcio de Santiago.

 

Estas páxinas contan, de seu, a historia íntima dun tempo e dun país. Cartas a Luís Seoane, a Castelao, a Federico García Lorca, a Bal y Gay, a Otero Pedrayo, a Isaac Díaz Pardo, a Cunqueiro, a Paz Andrade, a Fernández del Riego, a Laxeiro… Recóllese a correspondencia de ida, e moitas veces tamén a de volta, entre a que destaca o fecundo e prolongado intercambio epistolar con Luís Seoane.

 

O volume complétase coa incorporación de fotografías e manuscritos nunca vistos ata hoxe.

De Compostela ao exilio interior: Francisco Fernández del Riego

23,00 

Antón Mascato

 

164 pp . 20 x 19 cms
ISBN: 978-84-18567-41-4
Papel FSC Amigo dos Bosques

 

Esta obra de Antón Mascato –o primeiro biógrafo de Fernández del Riego–, percorre, dun xeito divulgativo e áxil, os fitos biográficos de Fernández del Riego, apoiada nunha ampla fotobiografía do protagonista, que inclúe máis de 200 imaxes e ilustracións.

 

Un capítulo principal do percorrido vital do protagonista detense en Compostela, pois esta cidade tivo en Francisco Fernández del Riego a un dos seus veciños máis ilustres. Residente en Santiago desde 1931 ata o seu exilio interior en 1939, foron anos nos que fragua o seu coñecemento e desenvolve a súa valía, nos que amosa o seu espírito afouto e acada meritorios obxectivos intelectuais e sociais.

 

Del Riego foi membro do Seminario de Estudos Galegos, dirixente estudantil, secretario do Grupo galeguista de Santiago, fundador do Partido Galeguista, profesor na Facultade de Dereito, secretario de actas da Comisión do Estatuto de Autonomía para Galicia, activista político, colaborador de prensa, especialista en arte… e isto só na década fundamental de 1930.

 

Logo será tamén ensinante e traballador de revistas relacionadas co mar, fundador de Editorial Galaxia, refundador do Partido Galeguista, editor, director da Fundación Penzol, preso político, xerente de Artes Gráficas Galicia, académico e presidente da Real Academia Galega, ensaísta e autor dunha extensa obra de divulgación da lingua, da literatura, da cultura e da política galegas, fundador e secretario do Partido Socialista Galego, bibliófilo ou coleccionista de arte.

 

O libro chega ás librarías a finais de abril de 2023, no ano en que Galicia homenaxea a don Paco co Día das Letras Galegas, celebración que precisamente el creou en 1963. A ilustración da capa é obra de Irene Fra Gálvez.

 

 

Eugenio Granell: regreso de un surrealista exiliado

23,90 
Violeta González Forte

 

416 pp. 15,5 x 23,5 cms.
ISBN 978-84-16460-89-2

 

Vinculado ao surrealismo desde os seus comezos pictóricos no exilio, o nome de Eugenio F. Granell (A Coruña, 1912 – Madrid, 2001) forma hoxe parte da historia da arte española do século XX, e a súa obra está representada nas mellores coleccións artísticas do país. Pero esta realidade contrasta co enorme descoñecemento que o artista sufriu, durante décadas, na súa propia terra. A pesar dos premios e recoñecementos que -nos anos 50 e 60 do século pasado- recibiu no estranxeiro, a existencia de Eugenio Granell en España pasou desapercibida incluso despois do seu regreso en 1985.

 

Este libro céntrase precisamente nas circunstancias e vicisitudes vitais deste regreso do exilio. Leremos, ao comezo, cartas cheas de desacougo, grandes dúbidas e amargura, xa que o retorno implicaba soportar un país cuxa ditadura parecía interminable. Despois descubriremos eses firmes apoios que, desde finais do franquismo, comezaron a reivindicar a súa figura (primeiro, Isaac Díaz Pardo; e, xa nos oitenta, César A. Molina, entre outros). Un esforzo que culminou en 1995 co nacemento da Fundación Eugenio Granell en Compostela, cidade onde vivira os anos indelebles da súa infancia e mocidade.

 

Estamos ante un traballo rigoroso, profundamente documentado, entretido e ilustrado con oitenta fotografías e reproducións das súas obras máis significativas de todo este período.

Federico García Lorca en Santiago de Compostela [2ª edición, actualizada]

19,80 

Henrique Alvarellos

 

Pp.: 204. Formato 13 x 23 cms.
ISBN (2ª edición, actualizada) 978-84-18567-32-2
ISBN (1ª edición) 978-84-16460-87-8

 

“Libro imprescindible. Que ben explicado e que ben estruturado! Unha delicia”.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 

“Un libro que percorre, minuciosamente e cun admirable pulso narrativo, os pasos do poeta granadino pola cidade”.
RAMÓN NICOLÁS

 

Pasear con García Lorca pola súa amada Compostela. Escoitalo recitar, cantar ou tocar o piano, observar como debuxa, como escribe, con quen fala, que lugares visita… Esta é a crónica do poeta andaluz que nos presenta Henrique Alvarellos, a dun escritor que se definiu como “poeta galego”. Federico García Lorca viviu nesta cidade momentos inesquecibles. Un volume ilustrado con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles moi descoñecidos. Inclúe o trazado da primeira ruta lorquiana pola cidade de Santiago de Compostela.

 

Santiago de Compostela deixou fascinado a Federico García Lorca. Xa aos 18 anos, en 1916, cando descubrira a cidade durante unha viaxe de estudos por Galicia­­, escribiría «Esto me hipnotiza». Regresará a Compostela tres veces máis, todas en 1932, ben como conferenciante, sempre como famosísimo poeta e tamén como director de “La Barraca”. En Santiago é recibido, arroupado e agasallado coa admiración e a sincera amizade de toda unha xeración de estudantes e intelectuais que, naquel ano de ouro da República, inzan as rúas da medieval cidade coa súa nova ansia de cultura, galeguismo e liberdade.

 

Este libro, Federico García Lorca en Santiago de Compostela (Alvarellos Editora), escrito por Henrique Alvarellos, é a crónica detida e minuciosamente documentada desta relación do poeta coa cidade.

 

En Santiago, García Lorca dá a coñecer algúns dos versos inéditos de Poeta en Nueva York, debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela, vivirá unha memorable noite teatral na Quintana e será retratado por Carlos Maside e Luís Seoane. Compostela é, finalmente, o fogar editorial dos Seis poemas galegos, esa impagable ofrenda literaria que o granadino tributará á nosa lingua e cultura.

 

UNHA RUTA CON 14 LUGARES IMPRESCINDIBLES

O presente libro camiña con Lorca polas rúas da cidade e relata polo miúdo estes días únicos (con quen está, que fala, que visita…). Tamén recolle as súas impresións cando regresa a Madrid ou na súa viaxe a Bos Aires, onde falará de nós con enorme entusiasmo. O volume aporta numerosos datos e tamén máis de setenta ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos, e conclúe co rescate de valentes testemuños que, despois do seu asasinato, teimaron en manter viva, durante a longa noite de pedra, a memoria deste Lorca en Compostela. Como colofón, nesta obra trázase a primeira Ruta lorquiana por Compostela, onde se identifican e documentan 14 lugares imprescindibles.

 

FINALISTA NOS PREMIOS FOLLAS NOVAS DO LIBRO GALEGO

Esta obra foi finalista en 2021 dos Premios Follas Novas do Libro Galego na categoría de Mellor Obra de Divulgación do Ano.

Federico García Lorca en Santiago de Compostela [Edición en español]

19,80 

Pp.: 204. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-16460-91-5

 

“Libro imprescindible. Que ben explicado e que ben estruturado! Unha delicia”.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 

“Un libro que percorre, minuciosamente e cun admirable pulso narrativo, os pasos do poeta granadino pola cidade”.
RAMÓN NICOLÁS

 

Pasear con García Lorca pola súa amada Compostela. Escoitalo recitar, cantar ou tocar o piano, observar como debuxa, como escribe, con quen fala, que lugares visita… Esta é a crónica do poeta andaluz que nos presenta Henrique Alvarellos, a dun escritor que se definiu como “poeta galego”. Federico García Lorca viviu nesta cidade momentos inesquecibles.

 

Un volume ilustrado con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles moi descoñecidos. Inclúe o trazado da primeira Ruta lorquiana pola cidade de Santiago de Compostela.

 

FASCINADO POR COMPOSTELA

Santiago de Compostela deixou fascinado a Federico García Lorca. Xa aos 18 anos, en 1916, cando descubrira a cidade durante unha viaxe de estudos por Galicia­­, escribiría «Esto me hipnotiza». Regresará a Compostela tres veces máis, todas en 1932, ben como conferenciante, sempre como famosísimo poeta e tamén como director de “La Barraca”. En Santiago é recibido, arroupado e agasallado coa admiración e a sincera amizade de toda unha xeración de estudantes e intelectuais que, naquel ano de ouro da República, inzan as rúas da medieval cidade coa súa nova ansia de cultura, galeguismo e liberdade.

 

Este libro é a crónica detida e minuciosamente documentada desta relación do poeta coa cidade. En Santiago, García Lorca dá a coñecer algúns dos versos inéditos de Poeta en Nueva York, debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela, vivirá unha memorable noite teatral na Quintana e será retratado por Carlos Maside e Luís Seoane. Compostela é, finalmente, o fogar editorial dos Seis poemas galegos, esa impagable ofrenda literaria que o granadino tributará á nosa lingua e cultura.

 

UNHA RUTA CON 14 LUGARES IMPRESCINDIBLES

O presente libro camiña con Lorca polas rúas da cidade e relata polo miúdo estes días únicos (con quen está, que fala, que visita…). Tamén recolle as súas impresións cando regresa a Madrid ou na súa viaxe a Bos Aires, onde falará de nós con enorme entusiasmo. O volume aporta numerosos datos e tamén máis de setenta ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos. E conclúe co rescate de valentes testemuños que, despois do seu asasinato, teimaron en manter viva, durante a longa noite de pedra, a memoria deste Lorca en Compostela. Como colofón, nesta obra trázase a primeira Ruta lorquiana por Compostela, onde se identifican e documentan 14 lugares imprescindibles.

FERNANDO ALSINA E O SEU ‘DIARIO DE GUERRA’

22,00 

[Segunda edición ampliada]

 

322 pp. 13 x 23 cms
ISBN 978-84-89323-81-0

 

****80 ANIVERSARIO GUERRA (IN)CIVIL 1936-2016****

 

Fernando Alsina González foi un destacado cirurxián na Compostela da primeira metade do século XX. Fundador do Sanatorio San Lorenzo (1920) e alcalde de Santiago por un ano (1929), sería un dos asinantes en 1933 do famoso manifesto de apoio ao Estatuto de Galicia. Foi, ademais, consogro do escritor Ramón del Valle-Inclán.

 

Entre setembro de 1936 e febreiro de 1937 estivo en diferentes puntos da fronte de guerra no bando franquista, nos que exerceu labores cirúrxicos. E deixou escrito un detallado diario que agora, oitenta anos despois, ve por fin a luz.

 

A recuperación deste documento —na que participaron activamente tres dos netos do doutor Alsina: Fernando López Alsina, Xaquín del Valle-Inclán Alsina e seu irmán Pancho— é todo un exercicio de memoria histórica. Da memoria dun home conservador, católico, que apoiaba a Franco, pero cuxa peripecia persoal está chea de matices, de afinidades galeguistas e de complexos episodios profesionais e persoais.

 

O especialista Ricardo Gurriarán busca as claves do seu comportamento a través dunha reveladora biografía, ao tempo que analiza a fondo este Diario de guerra. O índice onomástico –con máis de 500 referencias– deste volume, así como as preto de cen fotografías e documentos da época, inéditos, que aquí se recollen (incluídos os do seu ano como alcalde), dan conta da envergadura desta obra.

 

SEGUNDA EDICIÓN AMPLIADA (DECEMBRO 2016)

Un ano despois da publicación da primeira edición (outono, 2015), abordamos en decembro de 2016 esta segunda, corrixida e ampliada. Nela incorpóranse imaxes e documentos inéditos de José Modesto Isaac Devesa Areosa, “Pepiño Areosa”, o home cuxo rostro nunca antes se vira. O seu corpo sen vida apareceu en Cacheiras (Teo) a carón do excalcalde de Santiago, Ánxel Casal, asasinados os dous aquel 19 de agosto de 1936. Sería precisamente Fernando Alsina quen levantase o cadáver de Areosa.

GALICIA BAJO LA BOTA DE FRANCO

17,00 

La edición clandestina de 1938

 

Formato: 13×23 cms. 281 pp.
ISBN: 978-84-89323-21-6
Lingua: castelán
Medidas: 13,5 X 23
Edición príncipe: 1938
1ª edición en Alvarellos Editora: 2005
2ª edición en Alvarellos Editora: 2017
Material complementario: Limiar e edición anotada por Carlos Fernández Santander. Tres Apéndices: “Otros escenarios: Lalín, Lugo y Ourense”, por Henrique Alvarellos Iglesias; “Falangistas coruñeses del año 38”, por Carlos Fernández, e Índice completo de nomes.

 

80 ANIVERSARIO DA PRIMEIRA EDICIÓN DE 1938

 

Os atroces acontecementos que sacudiron as provincias de Pontevedra e A Coruña entre agosto e decembro de 1936. Narrados por quen os viviu e sufriu. Galicia bajo la bota de Franco apareceu por primeira vez en castelán e francés en 1938 en Buenos Aires e París.

 

Unha crúa reportaxe periodística de autores anónimos onde se describe, con feroz realismo, o día a día en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago, Nigrán, Tui… nas tráxicas xornadas que seguiron ao golpe de Estado do xeneral Franco.

 

ALVARELLOS EDITORA reedita unha obra tan dura nos seus contidos como fundamental para coñecer e reflexionar sobre a dimensión duns feitos que endexamais poden volver a repetirse.

 

A presente edición conta cun Limiar e notas ao texto a cargo do historiador Carlos Fernández Santander (A Coruña, 1944), autor dunha das biografías máis completas sobre Franco e de máis de trinta libros sobre a guerra civil española e as catro décadas de ditadura que a seguiron. Ademais deste estudo de Fernández Santander, a presente edición complétase con tres Apéndices onde se narran outros escenarios da represión franquista en Galicia non recollidos no libro (a comarca do Deza, Lugo ou Ourense), se aporta un listado de falanxistas coruñeses de 1938 e se ofrece un práctico índice cos centos de nomes de vítimas e verdugos que aparecen citados ao longo das case 300 páxinas desta reveladora edición. Fernández Santander cita, no seu prólogo, a Luís Seoane e Manuel Domínguez Benavides como probables autores de Galicia bajo la bota de Franco, “un libro –di– que tuvo en su momento una gran difusión, pues se publicó tanto en castellano como en francés, y por varias editoras”.

 

UNHA NARRACIÓN VIBRANTE, ÉPICA E DE DENUNCIA ANTE EUROPA

Carlos Fernández define este libro como un instant-book da época, cun estilo “vibrante, ágil, combatiente, en ocasiones épico, donde se cita sin ningún reparo nombres de víctimas y represores, con una narración clara y periodística y un propósito bien claro: denunciar al mundo lo que está ocurriendo en Galicia, donde sólo en cinco meses de 1936, de agosto a diciembre, varios miles de personas habían sido fusiladas, o asesinadas –que para el caso era lo mismo– sin más ‘delito’ que profesar unas ideas o ser autoridad, en mayor o menor grado, de un Gobierno que había ganado las últimas elecciones generales, en febrero de 1936, de forma democrática”.

Galicia-América

23,90 

Cantos de emigración e exilio (1875-1951)

Varios/as autores/as
Edición a cargo de Montserrat Capelán e Carlos Villanueva

 

ISBN 978-84-18567-26-1
Formato: 15,5 x 23 cms. Pp.: 418
Papel Certificado FSC

 

NP_G_Galicia_America

 

O presente volume reúne os traballos de catorce especialistas que, en 2017, se reuniron en Santiago de Compostela para reflexionar e debater sobre un tema estrela do Grupo Organistrum: «O espello de Galicia en América: ideoloxía, emigración e exilio (1875-1951)», datas que enmarcan dende o gran movemento migratorio galego a América Latina ata a aparición da Xeración do 51, límite que reflicte as consecuencias da represión franquista.

 

O grupo de investigación Organistrum está dedicado aos estudos históricos sobre música en Galicia, polo que nesta obra se tratan a fondo aspectos como a capacidade da música de expresar a identidade colectiva, ou como é quen de chegar a todas as clases sociais.

 

Tamén se dá conta nestas páxinas da enorme importancia dos centros galegos como núcleos de socialización e fomento de actividades, non só musicais senón tamén teatrais, danza, etc.

 

Finalmente, recóllense traballos centrados nas figuras clave de Perfecto Feijóo, Carlos López García-Picos, Carlos Chávez ou Jesús Bal y Gay.

 

AUTORES/AS

Xosé Núñez Seixas
Justo Beramendi
Carmen Becerra
Juan Francisco Sans
Mariantonia Palacios
Victoria Eli Rodríguez
Julio Ogas
Inmaculada Matía Polo
Javier Garbayo
José Antonio Cantal Mariño
María Fouz
Javier Ares
Consuelo Carredano
Carlos Villanueva

 

 

 

 

Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso

22,00 

Outra historia do galeguismo, distinta á oficial.

 

Xosé Manuel Maceira Fernández

 

Formato: 633 pp. 20 x 19 cms
ISBN: 978-84-89323-53-7

 

Este volume recupera a figura esquecida de Leandro Carré Alvarellos (A Coruña, 1888-1976) e o inxente labor cultural do galeguismo coruñés, dende o século XIX ata o período democrático.

 

A obra estuda a súa produción atendendo aos diferentes xéneros literarios, integrando de xeito cronolóxico a obra editada e a inédita. Ao tempo, considérase o contexto sociolóxico de cando foi creada e a recepción de crítica e público.

 

O autor fixo un seguimento da crítica na prensa ou noutras fontes que puidesen achegar datos, co fin de encadrar o estudo das obras nun marco de análise sociolóxica, interdisciplinar e coa teoría literaria máis acaída.

 

UNHA REVISIÓN DA CULTURA GALEGA DENDE O SÉCULO XIX

Do mesmo xeito, tratouse a extensa obra ensaística deste polígrafo con vocación de activista cultural. Detívose na investigación da literatura popular, da etnografía, do folclore, as tradicións, as lendas ou a mitoloxía galega. Amais da reivindicación cultural ou lingüística, outra actividade importante foi o labor institucional. Alén disto está o servizo de Carré Alvarellos á filoloxía galega, un eido ao que dedicou esforzos e contributos desde a primeira década do século XX até o derradeiro artigo que escribiu.

 

En Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso, Xosé Manuel Maceira Fernández revisa a historia literaria e cultural desde o século XIX, á luz dos contributos do grupo coruñés, un colectivo que construíu un relato galeguista enfrontado coa proposta oficial.

Memorias dun loitador antifranquista

22,50 

Entrevistado por Antón Santamarina. Edición de Anahí Almasia e Mariela Sánchez

 

412 pp. 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-16460-44-1

 

En 1998, David Álvarez Carballido (A Fonsagrada-Lugo, 1922-2017) concedeu unha longa entrevista ao filólogo e paisano seu Antón Santamarina. Foi durante varios días de agosto, na aldea común de ambos de San Martín de Suarna.

 

Dúas décadas despois, este documento único ve por fin a luz, as Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido, publicado por Alvarellos Editora na súa colección Oeste.

 

Foi preciso un fondo traballo de edición para organizar o valioso material custodiado por Santamarina. A psicóloga e escritora Anahí Almasia (sobriña de David) e a doutora e especialista en memoria histórica Mariela Sánchez puxéronse a traballar arreo dende a súa cidade de Bos Aires. Había que converter aquelas horas de conversa nun volume revelador. David posuía unha fina e poderosa memoria e o resultado queda á vista nestas páxinas.

 

É o testemuño valoroso e honesto dun incansable loitador antifranquista. Dun comunista que fuxiu dende Galicia a Bos Aires en 1948 para non regresar ao país ata 1962, e ser detido e torturado en Vigo pouco despois, cando denunciaba o fusilamento de Julián Grimau. Fiel ata o final dos seus días, aínda en 2014, con 92 anos, acudía ao consulado arxentino a interpor a súa denuncia na querela daquel país contra os crimes do franquismo.

 

“Poucos libros memorialísticos, de militantes antifranquistas, teñen a naturalidade, a frescura e o xeito destas memorias”.
Xesús Alonso Montero, autor do Prólogo.

 

“O que digo aquí é soamente para que non quede esquecido. Todo o que sabemos daquel terror que invadiu España, que se coñeza”.
David Álvarez Carballido.

 

Entrevistado por Antón Santamarina. Edición de Anahí Almasia e Mariela Sánchez.

Orixe orzánica das sereas todas

14,00 

Unha Galicia imaxinada na que Urbano Lugrís ingresa en 1953 na Academia Galega da Lingua.

 

Pp.: 130. Formato 14 x 19,5 cms.
ISBN 978-84-16460-97-7

 

Presentamos unha moi orixinal proposta narrativa. Soñar mundos, imaxinar universos, debuxar ignotos ronseis… Velaquí a función, especialmente milagrosa, da literatura. Ser quen de reescribir vidas e tempos. O artífice deste libro, Rodrigo Osorio, proponnos nesta Orixe orzánica das sereas todas un xogo marabilloso, un reto tamén. Os protagonistas son o pintor e escritor Urbano Lugrís González e o escritor Leandro Carré Alvarellos. Arredor deles, ou canda eles, deberemos mergullarnos na orixe orzánica das sereas todas, e deixar que o misterio das ondas nos leve polo vieiro dos soños.

 

Rodrigo Osorio, integrante do colectivo lugrisán In Nave Civitas, é un dos impulsores da reivindicación da vida e obra de Urbano Lugrís. Nesta obra, Osorio soña unha Galicia ideal e imaxina como tería sido o noso país sen Franco, nin guerra, nin ditadura. Unha sociedade na que o xenial artista pronuncia o seu discurso de ingreso na Academia Galega da Lingua. É o 19 de novembro de 1953.

Os cadernos escolares da II República

22,90 

Miguel Paz Cabo
Víctor M. Santidrián Arias

Limiar de Antón Costa Rico

 

Pp.: 180.
Formato: 26 x 19,5 cms.
ISBN 978-84-18567-30-8

 

Dous historiadores, especialistas en memoria democrática, Miguel Paz Cabo e Víctor Manuel Santidrián Arias, levan a cabo un detido estudo duns cadernos escolares do anos 30 descubertos o ano pasado no municipio de Teo. Esta edición inclúe a reprodución facsimilar de máis de cen páxinas orixinais e un limiar de Antón Costa Rico.

 

Os cadernos escolares da II República é un documento único sobre a pedagoxía galega nos anos da Segunda República.

 

A descuberta dos cadernos escolares do mestre de Teo (A Coruña) Bernardo Mato Castro (asasinado polos fascistas en 1936), elaborados polo seu alumno Antonio Rial Gallego, permítenos coñecer o traballo desenvolvido nas aulas naqueles días tan cheos de esperanza e innovación no eido educativo, e que tan pouco durarían…

 

Dous historiadores, especialistas en memoria democrática, Miguel Paz Cabo e Víctor M. Santidrián Arias, levan a cabo un detido estudo destes cadernos, dos que aquí se reproducen, en edición facsimilar, máis de cen páxinas.

 

Ofrécennos unha análise do ensino na II República, do labor de Bernardo Mato como mestre e como militante, e do seu dramático final, con reveladores documentos como o propio «Expediente de Depuración» do docente.

Os exilios que somos

13,00 
Irene Tomé e Xabier Ron

[Fotopoemas]

 

68 pp. 19 cms ancho x 14 cms alto
978-84-16460-76-2

 

É a historia que turra de nós, que porfía, por non estar resolta aínda.

Somos Xabier Ron Fernández (Lyon, 1969) e Irene Tomé Urresti (A Coruña, 1985), docente e xornalista que compartimos o mesmo ollar sobre a memoria histórica e democrática do noso país. Por medio de fotografías, que se foron facendo durante os últimos quince anos, acompañadas de poemas, queríamos dar voz, dentro da súa dificultade, á memoria das persoas que viviron a guerra ou o exilio dende unha experiencia persoal, que adoita ir da man de silencios e esquecemento; aínda que tamén de resistencia e de experiencias propias que dan lugar a reflexións compartidas. Este é o xerme do presente fotopoemario.

 

Traballa na aula con esta obra  [Unidade Didáctica]

 

 

Pasín: memoria dunha resistencia

17,50 

José Luis Estévez

 

Páxinas: 158. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-18567-06-3

 

O xornalista José Luis Estévez reúne nestas páxinas os fitos dunha vida consagrada a loitar pola democracia e as liberdades: é a “memoria dunha resistencia”, a do exconcelleiro compostelán Luis Pasín Liñares (Santiago, 1934), membro dunha familia mancada a fondo polo franquismo e que representou, na transición, un novo xeito de facer política.

 

Ilustrado con imaxes inéditas.

Poemas del Diez de Marzo

17,00 

Escritos en la cárcel

Rafael Bárez

160 pp. | 14 x 21 cms.
ISBN 978-84-16460-16-8

 

Unha excepcional edición facsimilar para estes Poemas del diez de marzo (escritos en la cárcel), os versos inéditos do avogado laboralista e político coruñés Rafael Bárez (Cambre, 1946 – A Coruña, 1996). Unha obra escrita na prisión da Coruña durante os nove meses que Bárez permaneceu confinado tras ser procesado polos sucesos do Dez de Marzo de 1972 (a protesta sindical nos estaleiros de Ferrol onde morrerían, a disparos da policía franquista, dous traballadores de Comisións Obreiras. Hoxe, o Dez de Marzo é o Día da Clase Obreira Galega).

 

Ademais da reprodución fiel do mecanoscrito íntegro e inédito orixinal, esta edición conta con colaboradores de excepción: nunha primera parte escriben Manuel Rivas; o catedrático emérito da Universidade de Santiago, Xesús Alonso Montero; o senador e ex-presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, e o historiador José Gómez Alén. Ademais, participou directamente a compañeira de Rafael, Toya Fernández, e o colectivo cidadán “Proxecto Cárcere”, que loita pola transformación do edificio do vello cárcere da Coruña nun espazo para a liberdade e a convivencia.

 

A posta en marcha desta coidada edición, que conta co deseño de Pepe Barro, foi posible grazas á colaboración económica de máis de 400 persoas –e colectivos– que apoiaron o proxecto (dez euros por persoa) mediante unha ampla e exitosa campaña de subscripción.

 

POEMAS DESCUBERTOS NUN CAIXÓN

 

Xesús Alonso Montero, Manuel Rivas e Toya Fernández, responsables do coidado da edición, afirman na nota editorial: “Poucas persoas en Galicia, do ámbito político, deixaron un ronsel de simpatía persoal, de adhesión moral e de admiración como o que deixou Rafael Bárez. Como tamén foi un cidadán esclarecido do eido da cultura, cada vez eran máis as voces, nestes tempos de miseria, que reclamaban un recoñecemento digno da súa biografía. Aquí as cousas, Toya Fernández, a súa compañeira, descobre nun caixón semiesquecido un libro, un libro de poemas de Rafael, escrito na prisión da Coruña nos meses que seguen ó Dez de Marzo de 1972, aquel suceso que é un timbre de gloria na historia da clase obreira galega. Este é o poemario que hoxe ofrecemos a amigos, camaradas e admiradores de Rafael Bárez e a cantas persoas gusten da poesía escrita desde dentro dun gran acontecer histórico”.

 

Toya Fernández: “Con este libro honramos a memoria de Rafael Bárez, amigo e compañeiro, que exerceu o dereito e a avogacía como instrumentos de loita política, de loita a favor das liberdades sindicais, de loita contra a desigualdade e a inxustiza. El, e moitos máis, sufriron cárcere e represión por esta causa. E é alí, no cárcere, entre reixas, onde nace este libro de poemas. Porque poden privarche da liberdade de movemento, pero nunca da liberdade de pensar como un home libre”.

 

Xesús Alonso Montero: “Este poemario, más allá del documento, es un conjunto de textos de notable valía poética. El género –la poesía carcelaria– cuenta en España, desde ahora, con un título muy valioso”.

 

Manuel Rivas: “Agora sei que non estabamos totalmente indefensos. Nalgún recanto da súa terra escondida, Rafael Bárez tiña un arsenal serodio, un depósito de humanidade que levedaba dende 1972”.

 

Vicente Álvarez Areces: “Estábamos aislados de los presos comunes, y nuestra vida transcurría entre un patio interior y las celdas que estaban en una galería con acceso directo al patio, por lo que disponíamos de cierta libertad de movimientos durante el día”.

Un diálogo entre supervivientes: Eugenio Granell y Vicente Llorens

23,90 
Inmaculada Real López

Páxinas: 484.

Formato 15,5 x 23,5 cms.

ISBN 978-84-18567-12-4

Rústica cosido.

Papel FSC Amigo dos Bosques

Máis de cen cartas inéditas entre o pintor surrealista galego Eugenio Granell e o historiador valenciano Vicente Llorens. Catro décadas de amizade e exilio precedidas dun documentado estudo introdutorio que inclúe fotografías e documentos moi descoñecidos.

 

 

Y tú, por qué quieres hablar de eso

16,50 

Paz Leirós

 

144 pp. Formato: 14 x 21 cms.
ISBN 978-84-18567-22-3

 

Quen apoiaron o golpe de estado de 1936 en Santiago de Compostela? Por que o fixeron? Un testemuño literario cunha enorme carga de verdade, honestidade, dor e contradicións, que plasma un tempo difícil e incómodo de maneira extremadamente orixinal, un tempo que expresa ademais a dificultade das mulleres para tomar decisións sobre a súa propia vida.
Unha colaxe de voces, situacións, viñetas e fragmentos emerxen ao redor dunha familia, os Cifuentes; e dunha cidade, Compostela. Historias narradas a través dunha estrutura coral, dun fluír entrecortado de alocucións e silencios… É a Historia oficial e sobre todo a oculta. A memoria e os feitos. A palabra contra o esquecemento.
«Moi claro e emotivo».
Julián Casanova, historiador.