Agustín Penón y Federico García Lorca
23,90 €Juan Carlos García de Polavieja
278 pp. 15,5 x 23 cms
ISBN 978-84-18567-93-3
Impreso en Papel Amigo dos Bosques
Por primeira vez, un libro explora a vida de Agustín Penón Ferrer, autor do estudo máis profundo xamais realizado sobre Federico García Lorca. Unha obra elaborada con rigor e ilustrada con máis de 200 documentos e fotografías. Unha auténtica descuberta, xa que a obra de Penón –moi descoñecida hoxe– resultaría fundamental para todos os estudos posteriores sobre o poeta andaluz.
NP_GAL_AGUSTÍN_PENÓN_Y_FGL_2026
NP_CAST_AGUSTÍN_PENÓN_Y_FGL_2026
O nome de Agustín Penón Ferrer (San José, Costa Rica, 1920–1976) pode non significar moito para o público xeral, nin sequera para os miles de seguidores e devotos de Federico García Lorca en todo o mundo. Con todo, é o autor do estudo máis profundo xamais realizado sobre a vida e a morte do gran poeta andaluz, recollido no imprescindible libro de Marta Osorio Miedo, olvido y fantasía.
Este libro do investigador Juan Carlos García de Polavieja, ilustrado con máis de 200 documentos e fotografías, aborda, por primeira vez, a peripecia vital de Agustín Penón: chegou a Barcelona desde Costa Rica aos dous anos; sentíase catalán e máis tarde converteuse nun cidadán estadounidense naturalizado.
Viaxou a Granada en 1955 e permaneceu alí (baixo estrita vixilancia da policía de Franco) ata finais de 1956. Conseguiu entrevistar a familiares, amigos, inimigos (entre eles, quen detivo a Lorca, Ramón Ruiz Alonso) e testemuñas dos últimos días de Federico. Pero nunca chegou a escribir o libro que pretendía. Todo o froito do seu traballo pioneiro quedou gardado nunha maleta –a famosa ‘Maleta de Penón’– que, aínda hoxe, permanece inaccesible nunha notaría en Granada e que moi poucos puideron consultar.
Agustín Penón e Federico García Lorca. Vida dun investigador pioneiro (Alvarellos Editora, 2026) reúne testemuños, feitos e documentos valiosos relativos ao traballo de Penón en Granada naqueles días da década de 1950, e ofrece material inédito sobre o cerco policial ao que foi sometido. Tamén inclúe, comentadas, as cartas intercambiadas con Emilia Llanos, amiga íntima de Federico, e a historia da Maleta co seu traballo, que permanece inaccesible ata hoxe.
A investigación de Agustín Penón demostraría ser fundamental para os estudos posteriores sobre o inmortal poeta andaluz, con todo, o seu inmenso corpo de obra foi raramente citado.
[A ilustración da capa é obra de Enrique Bonet]
A siderurxia e o naval, en loita
19,90 €Jessica Nogueira Castro
200 pp. 13 x 23 cms
ISBN 979-13-88293-02-3
Impreso en Papel Amigo dos Bosques
A historiadora e investigadora da Universidade de Santiago Jessica Nogueira Castro é a autora de A siderurxia e o naval, en loita, un orixinal estudo que recibiu este ano en Vigo o Premio de Ensaio da Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo. A obra percorre e analiza as masivas protestas contra a primeira reconversión industrial do goberno socialista, desenvolvida entre 1983 e 1985.

[Arriba, capa estendida do libro, onde se reproduce a histórica fotografía de Víctor de las Heras coa protesta do naval vigués, diante de El Corte Inglés ,o 16 de xaneiro de 1984.]
Recollidas de sinaturas, cortes de estradas, barricadas, peches, folgas e enfrontamentos coa policía volvéronse habituais en cidades como Sagunto, Vigo, Ferrol, Bilbao, Xixón ou Puerto Real dende que en febreiro de 1983 se anunciara o peche de Altos Hornos del Mediterráneo.
O Goberno socialista de Felipe González impulsaba en toda España unha durísima política de reconversión industrial no marco dunha profunda crise económica. Ás protestas da siderurxia sumaranse axiña as dos traballadores do naval. Había que evitar a «morte» das súas cidades.
ENSAIO PIONEIRO E PREMIADO
Un novo ensaio analiza a fondo, por vez primeira, aqueles días, baixo o título A siderurxia e o naval, en loita (Alvarellos Editora). A autora é a historiadora da Universidade de Santiago Jessica Nogueira Castro. O seu traballo recibiu, o pasado mes de maio en Vigo, o Premio de Ensaio da Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo, con sede en Vigo, dotado con 10.000 € e a publicación do libro.
NP_GAL_A_SIDERURXIA_E_O_NAVAL_EN_LOITA
Dolores del Río: a palabra e a cruz
19,90 €Ana Belén Feijoó Valencia
231 pp. 13 x 23 cms
ISBN 979-13-88293-01-6
Papel FSC Amigo dos Bosques
Non podemos entender a nosa historia –política ou cultural– galega, a do último século e medio do noso país, sen escoitar, sen coñecer, todas as voces. Tamén as que máis nos poidan incomodar. Voces como a da autora coruñesa Dolores del Río Sánchez-Granados.
Unha figura totalmente esquecida, por varios motivos: pola histórica exclusión das mulleres da cultura (e máis se esas mulleres actuaron fóra dos centros hexemónicos españois), porque escribiu nunha etapa que é das menos estudadas da literatura galega (de 1913 é o seu primeiro texto en galego), e pola súa posición ideolóxica.
Autora dun só libro en vida, Dolores del Río foi unha laureada poeta, docente, activista social na Coruña de entreséculos… e ultraconservadora. Coincidía coas feministas dos anos 20 na necesidade de dar espazo e osíxeno na vida pública ás mulleres intelectuais, de defender o dereito á educación… pero todo dende unha moral ultracatólica e españolista, que non lle impedía, non obstante, facelo en galego, mesmo en plena guerra civil.
«Enfrontarse á súa obra obríganos a soster algunhas incomodidades no centro do discurso: que moitas mulleres exerceron violencias patriarcais contribuíndo activamente a reforzar os mesmos límites que as aprisionaban», afirma Ana Belén Feijoó, autora deste revelador ensaio, un volume que incorpora unha antoloxía de textos (en galego e castelán) escritos entre 1896 e 1943.
50 poemas de Luz
16,90 €Luz Pozo Garza
Edición e aplicación didáctica: Olivia Rodríguez González
122 pp. 14 x 21 cms
ISBN 979-13-88293-00-9
Papel FSC Amigo dos Bosques
Reunimos nun volume os cincuenta mellores poemas de Luz Pozo Garza, nunha selección e edición ao coidado da experta na autora, a profesora da UDC Olivia Rodríguez González. Un estudo introdutorio e unha útil aplicación didáctica, explican, para todos os públicos, o sentido do luminoso, profundo e sensual universo poético da gran autora falecida na Coruña en 2020, os 97 anos.
Alvarellos Editora publica 50 poemas de Luz, un volume cuxo obxectivo é materializar un dos principais desexos de Luz Pozo Garza: que a súa poesía puidese chegar a todos os públicos.
A profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González é toda unha experta na poeta, coñeceuna persoalmente moi a fondo, e elaborou agora para nós unha selección dos seus mellores versos. Escritos ao longo de case oitenta anos –entre 1942 e 2018–, aquí están reunidos poemas de todos os seus libros, máis outros menos coñecidos.
A antoloxía ábrese cun revelador estudo introdutorio e péchase cunha aplicación didáctica pensada para alumnado de bacharelato, e para todos os públicos. Inclúe asimesmo fotografías e ilustracións da autora.
Un volume destinado, en definitiva, a todas aquelas persoas que desexen gozar do luminoso, profundo e sensual mundo poético da gran Luz Pozo Garza.

Olivia Rodríguez e Luz Pozo, en 2019.
Vai no Dentista. Trinta anos do grupo de teatro do Instituto Arcebispo Xelmírez I (1995-2025)
24,00 €Adrián Noia
208 pp. 20 x 19 cms
ISBN 978-84-18567-99-5
PAPEL FSC
A historia do grupo teatral compostelán Vai no Dentista, creado en 1995 no Instituto Xelmírez I. Un percorrido polos trinta anos de vida desta agrupación que tivo sempre como eixo o traballo en grupo, a potenciación das capacidades expresivas do alumnado e a defensa da lingua. Adrián Noia é o autor desta singular crónica, ilustrada con oitenta documentos e fotografías.
Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago publican Vai no dentista. 30 anos do grupo de teatro do Instituto do Arcebispo Xelmírez I (1995-2025), un volume ilustrado con oitenta documentos e fotografías onde se traza un percorrido visual, e vital, a través das obras creadas e representadas, das persoas participantes, e inclúese un divertido anecdotario.
A carón da historia do grupo é imprescindíbel reivindicar o impagábel labor que, nestes trinta anos, «Vai no Dentista» foi desenvolvendo na potenciación das capacidades expresivas do alumnado, no traballo en grupo e na defensa da lingua. Nuns mozos e mozas que xamais esquecerán a súa experiencia sobre os escenarios.
Elaborado polo escritor Adrián Noia, conta tamén coa colaboración de Manuel Portas e Sagrario Torrado.
El mar tenía un amargo sabor a lágrimas. Memorias (1937-1945)
28,50 €Syra Alonso
528 pp. 15,5 x 23 cms
ISBN 978-84-18567-98-8
Papel FSC. Amigo dos Bosques
A escritora galega Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970), inédita ata hoxe en castelán, emerxe nestas páxinas coma unha nova voz para a literatura española no exilio.
Unha parte destas Memorias viu a luz en galego no ano 2000 no selo editorial A Nosa Terra (con reedición en 2025 por Alvarellos Editora), pero o recente achado en México, por parte de Conrado J. Arranz Mínguez, de novos e valiosos manuscritos, posibilitou esta magna edición, agora completa e anotada.
Publicada baixo o título El mar tenía un amargo sabor a lágrimas. Memorias (1937-1945), estamos ante unha das crónicas más impactantes da represión exercida polos sublevados durante a guerra civil española. Describindo a súa dor, Syra Alonso reconstrúe un trauma colectivo e documenta unha época feroz, cunha enorme calidade literaria.
Ata agora, fóra de Galicia, a súa figura atopábase silenciada, difuminada pola historia. No verán de 1936 ela emprendera unha loita desesperada para salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel, que sería asasinado en setembro de 1936. En 1937 Syra inicia a escrita destas Memorias en Galicia en 1937 e, aínda que as concluiu en México en 1945, durante toda a súa existencia continuou reelaborando os manuscritos coma un proxecto de vida, de resistencia persoal e de anhelo de transmisión cara o futuro.
200 PÁXINAS INÉDITAS
A edición en castelán incorpora 200 páxinas rigorosamente inéditas, a partir dos manuscritos localizados en 2025 en México por Conrado J. Arranz. Entre elas, e principalmente, o capítulo titulado “Memoria da Coruña” onde Syra narra a súa infancia e xuventude na súa cidade natal, conta como coñeceu ao seu home, o pintor Francisco Miguel, e relata os seus viaxes xuntos nos anos 20 a París ou Madrid, ata a época na que viviron en México entre 1927 e 1933.
A presente edición ao coidado de Conrado J. Arranz a partir dos arquivos dos tres fillos do matrimonio Syra-Francisco Miguel (Francisco Alberto, Juan Ramón e Sandro), conta con textos introdutorios de Teresa Fernández Hernández, Carme Vidal, Carmen García-Rodeja, Patricia de los Ríos Lozano e Yirel de la O Molina e o propio estudo do editor literario.
Sonata de otoño. Edición facsimilar (1933)
22,50 €Ramón María del Valle-Inclán
Formato: 296 pp. 13 x 18 cms.
ISBN 978-84-18567-92-6.
Impreso en papel Amigo dos bosques.
Cosido con fío vexetal.
Encadernado con sobrecuberta.
Invitamos a lectores e lectoras a desfrutar dun gran clásico, cume da prosa modernista española. A Sonata de otoño é a primeira das catro xeniais novelas que Valle-Inclán (Vilanova de Arousa, 1866 – Santiago de Compostela, 1936) consagrou ao seu inesquecible marqués, aquel «feo, católico y sentimental». Son realmente unhas memorias eróticas dunha personaxe que, desde hai máis dun século, quedou para sempre na historia da nosa literatura.
A Sonata de otoño apareceu por vez primeira en 1902, pero a última edición revisada polo autor sería a publicada na primavera de 1933 e auspiciada pola República. E esta é a que rescatamos para a nosa especial «Biblioteca facsimilar Valle-Inclán».
Coma nos anteriores volumes publicados por nós –La lámpara maravillosa, Flor de santidad e Jardín umbrío–, a reprodución é fiel ao orixinal, pois falamos dunha rigorosa edición facsimilar. O noso propósito é que as persoas lectoras poidan sentir hoxe, directamente, a experiencia de ter nas súas mans exactamente o «mesmo» exemplar que no seu día concibiu Valle-Inclán. Afirmamos «concibiu» e deberiamos dicir incluso editou, xa que, como veremos na introdución do seu biógrafo, estudioso e neto, Joaquín del Valle-Inclán Alsina, Valle foi tamén o editor das súas propias obras.
Gocemos dun relato único, xunto cun deseño e composición de páxina verdadeiramente espectaculares, e viaxemos, con todo este equipaxe, a esa Galicia fría e chuviosa, habitual refuxio creativo do autor. Porque, nun vello pazo galaico, agoniza unha muller…
Con pólvora e magnolias [Ed. facsimilar 50 aniversario]
22,90 €X. L. Méndez Ferrín
FICHA TÉCNICA: 116 pp
18 x 20’2 cms
ISBN 978-84-18567-95-7
PAPEL FSC. Amigo dos Bosques
Rigorosa edición facsimilar do libro que, en 1976, marcaría un novo tempo para a poesía galega. Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín. É unha obra histórica, pola calidade e novidade da súa poesía, máis tamén polo seu singular formato e deseño. A presente edición foi impresa en papel kraft como o orixinal e cun entapado manual, coas lapelas pegadas, tal e como fora presentada hai medio século. Inclúe un Epílogo do especialista Anxo Angueira e a reprodución de manuscritos orixinais.
RÉPLICA EXACTA DUN LIBRO INESQUECIBLE
Impresa utilizando o mesmo tipo de papel kraft de cor marrón no interior e verxurado na cuberta, esta edición facsimilar é pois unha perfecta réplica da orixinal de 1976: no formato (18 x 20,2 cms), nas cores amarela escura da capa e na violeta para todos os textos, na tipografía, e mesmo foi reproducido o sistema de lapelas pegadas, mediante un entapado, feito un a un, de cada exemplar.
«O libro padeceu un boicot, pero venceu polo deseño», afirma hoxe Méndez Ferrín.
«Esta obra tíñao todo para se converter nun referente poético daqueles anos, pero tamén para erixirse, como se erixiu, nun artefacto literario cuxa vixencia permanece cincuenta anos despois». Anxo Angueira.
NP_GAL_Con-pólvora_e_magnolias_abril_2026
Cunetas
14,50 €Luís Pimentel
62 pp. 14 x 21 cms
ISBN 978-84-18567-97-1
Papel FSC. Amigo dos Bosques
A serie de poemas «Cunetas», escrita en castelán e datada por Luís Pimentel en 1947, denuncia a represión fascista na guerra civil, polo que permaneceu inédita durante toda a ditadura. Só se publicaría de maneira independente en Madrid en 1981, nunha plaquette de 215 exemplares.
Agora, Alvarellos Editora lanza unha singular edición que reúne todas estes poemas xunto con outros dispersos de Pimentel da mesma temática de denuncia da represión franquista. Son once en total máis o poema apócrifo en galego «Cunetas».
Estamos diante duns versos de anguria e dor, do berro desesperado dun dos máis extraordinarios poetas que deu Galicia.
Colaboran nesta edición o filólogo Claudio Rodríguez Fer ‒que repasa a traxectoria poética de Pimentel e o significado destes versos‒, e Xurxo Martínez González, que asina o Epílogo.
Rodríguez Fer define o verso de Pimentel como «exquisito e sensible», e a súa poética como «existencial, íntima, solidaria, política…». No Epílogo, Xurxo Martínez González afirma: «Eu, ao ler os poemas de Cunetas fago meu todo o sangue verquido pola liberdade do noso pobo e pola fraternidade de todos os esquecidos».
Memoria do vivido
21,50 €Xosé Ramón Fandiño
268 pp. 13 x 23
ISBN 978-84-18567-96-4
Papel FSC. Amigo dos Bosques
Memoria do vivido (Alvarellos Editora) reúne 17 textos nos que Xosé Ramón Fandiño deixa testemuño dunha vida consagrada á nosa cultura. Reúnense evocacións, entrevistas e artigos dispersos que, no seu conxunto, constitúen un verdadeiro foro de reflexión sobre a historia recente do noso país.
Fandiño é filólogo, editor, tradutor e polígrafo comprometido. Polo seu labor profesional, puido protagonizar, no último medio século, momentos decisivos do noso devir cultural, como foi a dirección da Gran Enciclopedia Gallega, os seus anos fundamentais de traballo en Sargadelos ao lado de Isaac Díaz Pardo, ou a súa intensa dedicación á Fundación Pedrón de Ouro… E tratar con artistas e creadores como Xulio Maside, Ramiro Fonte, Aurichu Pereira, Carlos García Martínez ou Antonio Fraguas.
Un apartado especial merecen as extensas entrevistas, conversas profundas, que o autor mantivo co artista e empresario Isaac Díaz Pardo, coa poeta Luz Pozo Garza, co historiador Xosé Ramón Barreiro ou co arquitecto Andrés Fernández-Albalat. No xogo de preguntas e respostas parece que os estamos a escoitar de novo a todos eles, que reviven para nós.
Estes pequenos ensaios narrativos reconstrúen un mapa emocional e intelectual da Galicia contemporánea.
A capa reproduce unha das obras máis recoñecidas de Isaac Díaz Pardo: Xentes que ollan (1963).