El alumbrado público en Santiago
15,00 €Unha historia de luces e sombras na vella Compostela.
Páxinas: 138
Medidas: 13×23
Idioma: castelán
Data de publicación: maio 2009
ISBN: 978-84-89323-29-2
Encadernación: rústica plastificada con lapelas
Ilustracións: fotografías e documentos de época
A nova obra do investigador santiagués José Antonio Tojo Ramallo titúlase El alumbrado público en Santiago, un ensaio publicado conxuntamente por Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago. Nel, Tojo Ramallo, quen xa é autor doutros tres libros de historia local, repasa dun xeito ameno e documentado as orixes e desenvolvemento do sistema público de alumeamento, desde as súas orixes hai xustamente dous séculos:
Na protohistoria do alumeamento de Santiago sitúanse os coquines ou mullidores, personaxes que, ata o século XVIII, percorrían as rúas portando un facho e unha campaíña e rogando a voces o rezo dun Noso Pai polas ánimas do purgatorio e do Arcebispo Fonseca.
DOUSCENTOS ANOS DE LUCES E SOMBRAS
Logo chegaría o aceite. En 1809 instálase en Santiago o primeiro sistema de alumeamento público do que temos noticia. Pretendíase aumentar a seguridade nas rúas ante a invasión dos franceses. Os primeiros farois instaláronse ao redor de 1822, os chamados farois de reverbero, construídos por artesáns locais do latón e do ferro, e mantidos polos vedores.
“A NOITE ESTÁ VARRIDA DA TERRA”
Tras o aceite, o gas; e, finalmente, a revolución da luz eléctrica. Santiago foi a primeira cidade de España que probou ese novo invento coñecido como electricidade. Foi un 2 de abril de 1851, no claustro da Universidade. “A noite está varrida da terra”, exclamou unha das testemuñas daquel acontecemento. Pero aínda habería que esperar case medio século para ver chegar a luz eléctrica ás rúas máis céntricas.
Un breve pero rigoroso e ameno ensaio dunha época na que a cidade de Santiago foi entrando, aos poucos, niso que chamamos modernidade e progreso. Dous séculos de luces e sombras na vella Compostela.