• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autor

Violeta González Forte

Violeta González Forte (A Coruña, 1982) é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista na obra de Eugenio Granell, sobre quen presentou a súa tese en 2015. Impartiu docencia na universidade e realizou unha estadía de investigación na Universidade de Puerto Rico (2011) co fin de estudar a actividade desenvolvida por Granell na illa. As súas liñas de investigación e estudo céntranse na arte do século XX e sobre todo nas vangardas históricas, con especial atención ás mulleres galegas e á arte do exilio. Autora de varios traballos arredor destes temas, o presente libro Eugenio Granell: regreso de un surrealista exiliado é a súa primeira obra.

Libros do Autor

Eugenio Granell: regreso de un surrealista exiliado

23,90 
Violeta González Forte

 

416 pp. 15,5 x 23,5 cms.
ISBN 978-84-16460-89-2

 

Vinculado ao surrealismo desde os seus comezos pictóricos no exilio, o nome de Eugenio F. Granell (A Coruña, 1912 – Madrid, 2001) forma hoxe parte da historia da arte española do século XX, e a súa obra está representada nas mellores coleccións artísticas do país. Pero esta realidade contrasta co enorme descoñecemento que o artista sufriu, durante décadas, na súa propia terra. A pesar dos premios e recoñecementos que -nos anos 50 e 60 do século pasado- recibiu no estranxeiro, a existencia de Eugenio Granell en España pasou desapercibida incluso despois do seu regreso en 1985.

 

Este libro céntrase precisamente nas circunstancias e vicisitudes vitais deste regreso do exilio. Leremos, ao comezo, cartas cheas de desacougo, grandes dúbidas e amargura, xa que o retorno implicaba soportar un país cuxa ditadura parecía interminable. Despois descubriremos eses firmes apoios que, desde finais do franquismo, comezaron a reivindicar a súa figura (primeiro, Isaac Díaz Pardo; e, xa nos oitenta, César A. Molina, entre outros). Un esforzo que culminou en 1995 co nacemento da Fundación Eugenio Granell en Compostela, cidade onde vivira os anos indelebles da súa infancia e mocidade.

 

Estamos ante un traballo rigoroso, profundamente documentado, entretido e ilustrado con oitenta fotografías e reproducións das súas obras máis significativas de todo este período.