• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autoría

Syra Alonso

SYRA MARÍA ALONSO BRUFAU é unha das máis extraordinarias cronistas da represión franquista. Naceu na Coruña en 1899. Filla dunha familia burguesa, moi nova coñeceu ao pintor Francisco Miguel, co que compartiría vida e proxectos. Xuntos rexentaron a Libraría da Arte na rúa Real, un espazo frecuentado por galeguistas e republicanos. Fascinados pola cultura de vangarda, viaxaron entre 1923 e 1926 a París e Cuba, para finalmente establecerse en México en 1926, onde conviviron cun amplo círculo de artistas e intelectuais. En 1933 regresaron coa súa familia á Coruña e estableceron o seu fogar en Santa Cruz de Oleiros, na que foi alcumada por Syra como Casa da Felicidade. O 3 de agosto de 1936, Francisco Miguel foi detido polos sublevados e, vinte e seis días despois, apareceu o seu corpo sen vida, xunto con outras tres persoas, todos cruelmente asasinados. Os outros eran Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete. Serían enterrados en Bértoa, Carballo. Os seus restos non serían identificados ata setembro de 2023, cando foron exhumados pola ARMH. A partir deste tráxico acontecemento, Syra inicia a escrita das súas memorias. En 1942 consegue exiliarse en México xunto cos seus tres fillos, Francisco Alberto, Juan Ramón e Sandro. Co paso dos anos, unha xordeira progresiva irá afastándoa da vida social. Faleceu en 1970, vítima dun cancro de ósos, en México DF. No ano 2000 saíron á luz os seus escritos, traducidos ao galego por Anxos Sumai e editados por A Nosa Terra. Reeditados por Alvarellos Editora en 2025, saen publicados por vez primeira en castelán en 2026, con numeroso material inédito nunha edición ao coidado de Conrado J. Arranz. As Memorias de Syra son un documento clave da represión durante a guerra civil en Galicia e do exilio. Escritos entre 1937 e 1945, os textos dan conta do horror vivido e da dignidade das mulleres galegas, ás que Syra rende homenaxe pola súa valentía fronte á brutalidade franquista. (Na imaxe, a autora na Ficha de Migración expedida en México en agosto de 1942).

Libros do Autor

Diarios (1938 e 1945)

21,50 

Syra Alonso

 

Tradución de Anxos Sumai García
Introdución de Carme Vidal
Epílogo de Conrado J. Arranz

276 pp . 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-18567-81-0
Papel FSC Amigo dos Bosques

Unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Nova edición actualizada e ampliada con material inédito (textos e imaxes) e onde participan tres especialistas na autora: Carme Vidal, Anxos Sumai e, dende México, Conrado J. Arranz.

A voz de Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970) emerxe dende o silencio do exilio para contar unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Estes Diarios (1938 e 1945) que agora regresan en nova edición e con material inédito, relatan o terror vivido en Galicia e a loita desesperada de Syra por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897-Bértoa, Carballo, 1936), durante as horas máis tristes da súa vida. Un documento imprescindible que mostra o horror do franquismo e a forza da resistencia persoal.

A presente edición dos Diarios de Syra Alonso actualiza e amplía, con diverso material inédito, o volume publicado no ano 2000 cando foran descubertos os manuscritos.

Conta coa participación de varias especialistas na autora: un estudo introdutorio actualizado da ensaísta e xornalista Carme Vidal, a tradución ao galego a cargo de Anxos Sumai García, o epílogo asinado polo profesor e investigador mexicano Conrado J. Arranz Mínguez, que descobre a faceta creativa e de narradora de ficción de Syra Alonso, y aporta un conto descoñecido da autora, titulado “Tres homiños” ambientado na Galicia daqueles días terribles.

A actual edición aporta así mesmo 16 páxinas de fotografías e documentos inéditos ou moi pouco difundidos da autora e do pintor.

 

 

El mar tenía un amargo sabor a lágrimas. Memorias (1937-1945)

28,50 

Syra Alonso

528 pp. 15,5 x 23 cms
ISBN 978-84-18567-98-8
Papel FSC. Amigo dos Bosques

A escritora galega Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970), inédita ata hoxe en castelán, emerxe nestas páxinas coma unha nova voz para a literatura española no exilio.

Unha parte destas Memorias viu a luz en galego no ano 2000 no selo editorial A Nosa Terra  (con reedición en 2025 por Alvarellos Editora), pero o recente achado en México, por parte de Conrado J. Arranz Mínguez, de novos e valiosos manuscritos, posibilitou esta magna edición, agora completa e anotada.

Publicada baixo o título El mar tenía un amargo sabor a lágrimas. Memorias (1937-1945), estamos ante unha das crónicas más impactantes da represión exercida polos sublevados durante a guerra civil española. Describindo a súa dor, Syra Alonso reconstrúe un trauma colectivo e documenta unha época feroz, cunha enorme calidade literaria.

Ata agora, fóra de Galicia, a súa figura atopábase silenciada, difuminada pola historia. No verán de 1936 ela emprendera unha loita desesperada para salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel, que sería asasinado en setembro de 1936. En 1937 Syra inicia a escrita destas Memorias en Galicia en 1937 e, aínda que as concluiu en México en 1945, durante toda a súa existencia continuou reelaborando os manuscritos coma un proxecto de vida, de resistencia persoal e de anhelo de transmisión cara o futuro.

200 PÁXINAS INÉDITAS
A edición en castelán incorpora 200 páxinas rigorosamente inéditas, a partir dos manuscritos localizados en 2025 en México por Conrado J. Arranz. Entre elas, e principalmente, o capítulo titulado “Memoria da Coruña” onde Syra narra a súa infancia e xuventude na súa cidade natal, conta como coñeceu ao seu home, o pintor Francisco Miguel, e relata os seus viaxes xuntos nos anos 20 a París ou Madrid, ata a época na que viviron en México entre 1927 e 1933.

A presente edición ao coidado de Conrado J. Arranz a partir dos arquivos dos tres fillos do matrimonio Syra-Francisco Miguel (Francisco Alberto, Juan Ramón e Sandro), conta con textos introdutorios de Teresa Fernández Hernández,  Carme Vidal, Carmen García-Rodeja, Patricia de los Ríos Lozano e Yirel de la O Molina e o propio estudo do editor literario.

 

NP_GAL_Memorias_Syra