21,90 

¡Viva la libertad!

La silenciada historia del maestro Fernando Barcia en el Santiago de la segunda República

Miguel Paz Cabo

 

Pp.: 264. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-16460-73-1

 

Fernando Barcia Veiras é unha das figuras máis destacadas do Santiago republicano; non obstante, o seu nome permaneceu ata o día de hoxe no esquecemento, incluso dos seus propios compañeiros. Presidiu a Asociación Socialista de Santiago dende 1931 ata o seu asasinato en 1938; mestre rural e presidente da Asociación de Traballadores do Ensino, desempeñou un papel fundamental durante os meses do goberno da Fronte Popular e na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. A súa relevancia política e o seu carácter levárono finalmente a presidir o Comité Executivo para a Defensa da República, encargado de organizar a resistencia ao golpe de estado de xullo de 1936.

 

Esta obra rescata a súa figura e, coa axuda de fontes orais, arquivos familiares e militares, hemerotecas, etc., reconstrúe, a través da súa vida, a historia do Santiago republicano, as súas rúas e tendas, o seu bulicio e os seus protagonistas. Juan Jesús González, Jesús Parrado e Ramona Blanco volven visitar estes lugares atopándose con sinistros personaxes como Otilia Ulbricht ou Víctor Muñoz. Unha reconstrución histórica que nos permite reflexionar sobre o significado e o alcance da represión franquista.

 

Este ensaio –que equilibra perfectamente o rigor documental e a claridade da exposición– enriquécese con máis de cincuenta imaxes e documentos –que inclúen as cartas de despedida de Fernando Barcia– e 17 ilustracións do pintor Alfonso Martínez. Inclúe, por fin, e por primeira vez, unha ruta completa polo Santiago republicano.

Compartir

Autoría

Miguel Paz Cabo (Santiago de Compostela, 1985) é especialista en Historia Contemporánea, licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Política de Medios, Mapas e Ferramentas para unha Nova Cultura de Cidadanía pola Universidade Complutense de Madrid e Máster en Psicopedagoxía pola Universidade de Barcelona. Profesor de Xeografía e Historia na educación pública, é investigador e activista da memoria democrática. O seu compromiso persoal coa busca do desaparecido Constante Liste Forján, veciño de Teo, e irmán de Enrique Líster, vinculouno co estudo deste municipio da rexión de Santiago, sobre o que realizou diferentes estudos e impartiu diversas conferencias. Participou no I Congreso Estatal de Vítimas de Franco coa comunicación “A represión franquista en Teo” e no 2012 coordinou a reunión de historiadores, arqueólogos, psicólogos e xuristas en homenaxe ás vítimas da ditadura celebrada no Concello de Teo. Tamén colaborou en diferentes exhumacións de vítimas do franquismo con asociacións para a recuperación da memoria histórica. É autor de ¡Viva la libertad!, a silenciada historia do mestre Fernando Barcia Veiras no Santiago da segunda República.