Enrique Alvarellos Iglesias
Músico, editor, escritor e profesor de linguas clásicas, Enrique Alvarellos Iglesias naceu na Coruña en 1931 e criouse, ata os 16 anos, na parroquia de Soutolongo (Lalín) para trasladarse logo definitivamente a Lugo, onde estudou Humanidades e Música (no Seminario Diocesano); nesta cidade desenvolvería a súa ampla traxectoria profesional e intelectual. Alvarellos é membro correspondente da Academia Tiberina de Artes e Ciencias de Roma, posúe a Gran Cruz da Orde de San Xurxo de Carintia, formou parte, así mesmo, do Consello de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, foi directivo da Sociedade Filarmónica lucense e exerceu como asesor e colaborador da Enciclopedia Galega Universal.
Alvarellos Iglesias, home polifacético, fondamente galeguista e posuidor tamén dunha das mellores coleccións de España de máquinas de escribir antigas, fundou, en maio de 1977, a Editorial Alvarellos. A Editorial celebrou en 2014 os seus 40 anos de actividade, polo que é hoxe a vicedecana das editoras galegas.
O autor
Como escritor, Alvarellos é autor da única historia das Bandas de Música de Galicia, un voluminoso estudo de máis de mil páxinas publicado en 1986 e que foi finalista dos Premios de Investigación de Galicia. Nel recóllese a historia de máis de 400 bandas populares galegas. Así mesmo, Enrique Alvarellos publicou, entre outros libros, a novela Botei corenta anos (1977), o poemario Cen Anacos (1977), Mulleres destacadas de Galicia (1993) e un tomo das súas memorias: 70 anos en clave de fa (2001).
A Música
Foi a música, non obstante, a que vertebrou toda a súa vida e ocupou un lugar primordial durante os seus últimos anos, época na que se centrou na composición musical (máis de medio centenar de pezas) e na dirección de coros. Xa en 1961 fundara o coro Entre as silveiras, co que alcanzou importantes recoñecementos. En 1981 funda o Orfeón Xoán Montes, que dirixiu durante vinte anos, tempo no que a formación actuou en diversos escenarios de España e Europa. Tamén foi o director do coral Meigas e Trasgos de Sarria, o Coral de Monterroso, o Coro da Policía Local de Lugo e o Coral de Agolada.
Entre as súas composicións musicais cabe destacar desde Cantata á Lanzada (obra sinfónico-coral), A Nosa Misa, Fisterra e María Guevara ata o Himno do Club Deportivo Lugo, Pequeña flor, diversas panxoliñas (Cando subín á montaña, Casiña santa, Eu cantar canteille…) ou Bimilenaria-Cantata luguesa, obra que deixou inconclusa.
Academia Alvarellos
En marzo de 1963 fundou, xunto coa súa dona Conchita Casas, a Academia Alvarellos, na Praza de Comandante Manso, centro docente por onde pasaron, nos seus case corenta anos de existencia, máis de 100.000 alumnos, e onde destacou o método mecanográfico que elaborou o propio Enrique Alvarellos e foi recoñecido, en 1968, polo Ministerio de Educación e Ciencia como Sistema Oficial do Estado.