Federico García Lorca en Santiago de Compostela [2ª edición actualizada en español]
19,80 €Henrique Alvarellos
Pp.: 204. Formato 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-18567-65-0 (2ª edición)
“Libro imprescindible. Que ben explicado e que ben estruturado! Unha delicia”.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
“Un libro que percorre, minuciosamente e cun admirable pulso narrativo, os pasos do poeta granadino pola cidade”.
RAMÓN NICOLÁS
Segunda edición ampliada (novembro, 2024) que inclúe novas imaxes e datos, e a reprodución de varios manuscritos e debuxos en cor.
Pasear con García Lorca pola súa amada Compostela. Escoitalo recitar, cantar ou tocar o piano, observar como debuxa, como escribe, con quen fala, que lugares visita… Esta é a crónica do poeta andaluz que nos presenta Henrique Alvarellos, a dun escritor que se definiu como “poeta galego”. Federico García Lorca viviu nesta cidade momentos inesquecibles.
Un volume ilustrado con máis de setenta documentos e fotografías, ademais de numerosas anécdotas e testemuños, moitos deles moi descoñecidos. Inclúe o trazado da primeira Ruta lorquiana pola cidade de Santiago de Compostela.
FASCINADO POR COMPOSTELA
Santiago de Compostela deixou fascinado a Federico García Lorca. Xa aos 18 anos, en 1916, cando descubrira a cidade durante unha viaxe de estudos por Galicia, escribiría «Esto me hipnotiza». Regresará a Compostela tres veces máis, todas en 1932, ben como conferenciante, sempre como famosísimo poeta e tamén como director de “La Barraca”. En Santiago é recibido, arroupado e agasallado coa admiración e a sincera amizade de toda unha xeración de estudantes e intelectuais que, naquel ano de ouro da República, inzan as rúas da medieval cidade coa súa nova ansia de cultura, galeguismo e liberdade.
Este libro é a crónica detida e minuciosamente documentada desta relación do poeta coa cidade. En Santiago, García Lorca dá a coñecer algúns dos versos inéditos de Poeta en Nueva York, debuxa, canta e toca o piano no Hotel Compostela, vivirá unha memorable noite teatral na Quintana e será retratado por Carlos Maside e Luís Seoane. Compostela é, finalmente, o fogar editorial dos Seis poemas galegos, esa impagable ofrenda literaria que o granadino tributará á nosa lingua e cultura.
UNHA RUTA CON 14 LUGARES IMPRESCINDIBLES
O presente libro camiña con Lorca polas rúas da cidade e relata polo miúdo estes días únicos (con quen está, que fala, que visita…). Tamén recolle as súas impresións cando regresa a Madrid ou na súa viaxe a Bos Aires, onde falará de nós con enorme entusiasmo. O volume aporta numerosos datos e tamén máis de setenta ilustracións e documentos, algúns deles moi descoñecidos. E conclúe co rescate de valentes testemuños que, despois do seu asasinato, teimaron en manter viva, durante a longa noite de pedra, a memoria deste Lorca en Compostela. Como colofón, nesta obra trázase a primeira Ruta lorquiana por Compostela, onde se identifican e documentan 14 lugares imprescindibles.