• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Verdemar [Infantil]

A encantadora de serpes

16,00 

Álex Mene (texto) | Blanca G. Crespán (ilustración)

[Á VENDA A PARTIR DO 1 DE XULLO DE 2022]

 

36 pp. 21,5 x 28 cms
ISBN galego: 978-84-18567-24-7
Capa dura. Cosido a fío.
Papel ecolóxico FSC. Impresión offset.

 

Idade de interese: +3
Nivel de lectura: +5

 

Álex Mene e Blanca G. Crespán volven xuntar a súa inspiración nun novo álbum ilustrado para primeiras lecturas. Despois do seu debut en 2018 con A raíña das tortas (Verdemar) regresan en 2022 con A encantadora de serpes, unha nova historia onde a ilusión é o motor que nos impulsa na vida. Alvarellos Editora publica este título no seu selo Verdemar, en galego e tamén en castelán: La encantadora de serpientes.

 

Ficha-GAL-A-encantadora-de-serpes_2022

 

A miña familia 3+1=7

16,00 

Isha Bottin (texto) | Gaspard Talmasse (ilustración)

 

36 pp. 21,5 x 28 cms
ISBN: 978-84-16460-59-5
Capa dura. Papel offset.
Cosido con fío vexetal.

 

IDADE DE INTERESE: +6

NIVEL DE LECTURA: +6

 

Dende Quebec (Canadá) traemos este novo conto Verdemar: A miña familia 3+1=7, que trata dunha familia un chisco diferente ás típicas ou comúns. Escrito por Isha Bottin, poderosamente ilustrado por Gaspard Talmasse e traducido dende o francés ao galego por María Reimóndez, esta historia demostra que moitas veces as dificultades da vida poden atopar un camiño de luz e esperanza.

 

TEXTO CONTRACAPA
Inspirado nunha historia real, este libro recolle as pequenas dificultades e grandes ledicias dunha familia un chisco diferente ás demais. Nesta historia a felicidade lévase no corazón e a esperanza sempre atopa o seu camiño. E xa sabedes, ás veces, 3+1 é igual a 7.

 

ARGUMENTO
Deixemos que explique a historia a propia autora, Isha Bottin: “Este libro está baseado na miña infancia. A miña irmá máis nova e mais eu perdemos o noso pai cando eramos pequenas e a nosa mai, que atopaba moi difícil convivir cos recordos del, decidiu cambiar de país. Foi así que acabamos en Ruanda, en África.

 

Por momentos, pode parecer que todo se esnaquiza, que a felicidade desaparece, que o amor non volverá aparecer xa máis. Que tiveches a túa oportunidade mais que che pasou o sol pola porta. Mais iso non foi o que aconteceu. Ao contrario. Pódese soñar que todo é posible, mesmo cando unha pensa que o perdeu todo. Cómpre non ter medo do futuro. Crer nel. Facer pola vida… Esta é a historia de tres mulleres que xermolaron xuntas, coa nosa nova familia”.

 

CLAVES PARA A LECTURA

É a historia dunha familia reconstituída que cambia de país e mesmo de continente. Fillos de dous matrimonios que, xuntos, viven primeiro conflitos ou desencontros, pero que axiña buscan un camiño común. O relato mostra a ledicia de descubrírense, de xogar xuntos e de saber que a harmonía e o amor poden xurdir se somos xenerosos e estamos abertos aos demais.

 

Traducido por María Reimóndez.

 

A miña profe é un monstro! (Diso nada.)

16,00 
40 pp. 28 x 21,5 cms
ISBN: 978-84-16460-39-7

 

Divertidísima aposta gráfica chea de humor e caricatura. Escrita e ilustrada polo artista de Nova York Peter Brown e traducida agora ao galego, A miña profe é un monstro! (Diso nada.) fomenta o diálogo e convida ás persoas a coñecerse mellor para loitar contra os prexuízos. Novo título da colección Verdemar de Alvarellos Editora.

 

TEXTO CONTRACAPA
Ás veces os monstros non son o que aparentan.

 

ARGUMENTO
As clases comezaron e Brais ten un problema tremendo. O seu problema chámase a “profe Lola”. Ela é un monstro real, mesmo ten a pel verde e os seus dentes son enormes e afiados… El quere fuxir dela. Non obstante, un venres despois da escola, nun encontro casual no parque, os dous se poñen a falar e Brais descobre na profe Lola a outra persoa que non imaxinaba…

 

CLAVES PARA A LECTURA
Descubrirse o un ao outro falando. Coñecerse mellor e dialogar para loitar contra os prexuízos. Velaquí a mensaxe principal deste divertido conto, ilustrado con moito humor e caricatura. O rostro da mestra vai cambiando e facéndose doce cando o seu alumno atopa nela un ser humano sensible e alegre.

 

Como actividade práctica co alumnado pódese traballar na realización dun sinxelo avión de papel. Tamén, ir buscando e analizando os cambios que se producen no aspecto físico da profesora.

A nena que abrazaba as árbores

16,00 
Henrique Alvarellos | Ilustrado por Xulia Nieto

 

36 pp. 21,5 x 28 cms
ISBN: 978-84-16460-79-3

 

As árbores teñen voz. E mans, mans con dedos. E senten. Vaia se senten! Dígovolo eu, que o sei ben.

Seino dende sempre. Cando mamá e papá me levaron ao bosque a abrazar a miña primeira árbore.
Abre este conto e entrarás nun bosque fascinante.

 

  • Idade de interese: +3
  • Nivel de lectura: +5

 

ARGUMENTO

Cando cumpriu tres anos, Lucía recibiu un agasallo moi especial de mamá e papá: unha árbore. Un precioso freixo que medra no pequeno bosque preto da casa. Visítao todas as semanas: obsérvao, úleo, fálalle e, sobre todo, abrázao. Álex, o mellor amigo de Lucía, é cego, mais xuntos descobren igualmente un mundo fascinante cheo de sensacións. Un día o freixo ponse maliño, pero a natureza sempre segue o seu camiño…

 

CLAVES PARA A LECTURA

Descubrir un bosque, pero tamén un parque ou un xardín, a través das súas árbores, é unha das actividades máis enriquecedoras para calquera idade.

 

Este álbum ilustrado convida a entrar nesta atmosfera natural e ir coñecendo e valorando a natureza única que temos tan preto das nosas casas e que pasa moitas veces diante de nós sen darnos de conta.

 

Abrazar unha árbore forma parte dunha práctica que xurdiu, como terapia, no Xapón nos anos oitenta: o shirin-yoku («baño de bosque»). Estendeuse por todo o mundo. Trátase de relaxar escoitando o bosque, tocando, ulindo, en calma… Álex, o amigo de Lucía, non pode ver, pero o bosque fascínaos por igual aos dous.

 

As ilustracións lévannos a penetrar neste universo natural e sensorial. Feitas con acuarelas e sutís trazos a lapis. Inspirados nelas, podemos facer nós tamén o debuxo da nosa árbore favorita, das súas follas e do lugar onde se atopa.

A promesa do cabezolo

16,00 

Jeanne Willis (texto) | Tony Ross (ilustración)

32 pp. 20,5 x 26 cms
ISBN: 978-84-16460-38-0
Capa dura – cosido – papel offset

 

Encantadora historia de amor entre unha larva de ra e outra de bolboreta, que nos vai sorprender ata o último intre e que nos deixará cunha fonda impresión.

 

As ilustracións son vibrantes, cheas de sensibilidade e de potencia expresiva.

 

Un álbum diferente, escrito e ilustrado cunha exquisita sensibilidade, por Jeanne Willis e Tony Ross. Novo título da colección Verdemar de Alvarellos Editora.

 

TEXTO CONTRACAPA

Foi no lugar en que o salgueiro bica a auga onde o cabezolo topou a eiruga.

Miráronse aos olliños…

…e namoraron.

Pero todo o mundo sabe que os cabezolos se transforman, e as eirugas tamén.

Cambiará isto o amor que senten o un pola outra?

Imos ver!

 

CLAVES PARA A LECTURA

Unha delicada historia sobre o amor e os cambios na vida. Presentada graficamente cun deseño moi orixinal, cheo de cor e sensibilidade, que nos pide ler a obra abrindo o libro en vertical. A transformación dun cabezolo en ra e dunha eiruga en bolboreta permítenos falar do fenómeno da metaformose. Tamén podemos debuxar e analizar o ciclo da vida e os cambios que acontecen co paso do tempo.

A raíña das gaivotas

16,00 

Rūta Briede

 

44 pp. 22 x 17,5 cm
ISBN: 978-84-18567-34-6
Traducido do letón ao galego por Elīna Brasliņa, Lawrence Schimel e María Reimóndez
Capa dura. Papel ecolóxico FSC

 

Ficha-GAL-A-raíña-das-gaivotas_2022

 

A veciña rosmona que vivirá unha incrible viaxe…

 

A raíña das gaivotas é o primeiro conto letón que se publica en galego. Foi o debut, en 2017, da autora e ilustradora báltica Rūta Briede. Traducido agora por Elīna Brasliņa, Lawrence Schimel e María Reimóndez.

 

TEXTO CONTRACAPA
Esta é a historia de Renata. Ela semella a típica veciña rosmona que sempre está de mal humor polo boureo que fan as gaivotas.
Mais ás veces é certo que nos enrabechamos sen saber por que.
Ou se cadra hai un porqué, só que aínda non sabemos cal é?
Renata verase na obriga de recuperar a memoria do que quixo esquecer. Así será quen de escoitar, no grallar das gaivotas, moito máis ca ruído…

 

ARGUMENTO
Todo lle molesta a Renata: as gaivotas, a veciñanza, os ruídos… Ata que vive unha viaxe transformadora, de ensoño, de autodescubrimento. Nacerá nela a comprensión do outro, a empatía, e unha nova mirada sobre as persoas e o mundo.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Transformar a rabia en responsabilidade e empatía.
Por qué nos enrabechamos coas cousas? Todo sería moito máis sinxelo axudándonos, tendo unha mirada máis amable e comprensible cara ás outras persoas.
A protagonista atopará un novo xeito de habitar o mundo, superando os erros e construíndo unha vida mellor.
As ilustracións están feitas con trazos sinxelos, cunha estética de cómic moi atractiva e directa.

 

 

 

 

A raíña das tortas

16,00 

Álex Mene (texto) | Blanca Crespán (ilustracións)

32 pp. 28×21,5 cms
ISBN: 978-84-16460-37-3

 

As sorpresas que trae cociñar en familia e aprender dos erros. Ilustracións divertidas, vivas, cheas de cor e expresividade para un conto saboroso de principio a fin. Non vos imaxinades as sorpresas que trae cociñar en familia… Os autores de A raíña das tortas son dous artistas vigueses, Álex Mene (texto) e Blanca Crespán (ilustracións), que debutan con este libro na literatura infantil. Novo título da colección Verdemar de Alvarellos Editora.

 

TEXTO CONTRACAPA
Un conto saboroso de principio a fin.

 

ARGUMENTO
Martiño vive coa súa nai. Unha das cousas que máis lles gusta facer xuntos é cociñar doces de todas as cores e sabores. Pero hoxe a cociña está avariada así que Martiño vai practicar o que quere ser de maior: electricista. Sairá algo de aquí? Mentres, os esquíos agardan trala ventá da cociña para probar o primeiro anaco de torta…

 

CLAVES PARA A LECTURA
Unha obra que convida a cociñar en familia e descubrir xuntos gustos gastronómicos ou receitas herdadas, sinxelas para elaborar en común.
Un engadido interesante é o feito de que Xulia, a nai, vivise en Canadá, polo que coñece os nomes dos alimentos en inglés e francés. Como o da tarta de cenoria, que ela chama “carrot cake” ou “tarte aux carottes”.

AVOAS E AVÓS

16,00 
O conto para primeiras lecturas que pousa outra mirada sobre os maiores da casa

[EN LETRA MAIÚSCULA PARA FACILITAR A LECTURA]

 

Małgorzata Swędrowska
Joanna Bartosik

 

52 pp. 20 x 20 cm
ISBN: 978-84-18567-50-6
Capa dura. Cosidos con fío vexetal.
Impresos en papel ecolóxico.
+ 3 anos

 

Creado polas autoras polacas Małgorzata Swędrowska e Joanna Bartosik, mostra, dun xeito divertido e rachando cos clixés tradicionais, o día a día de avós e avoas nos fogares, vistos desde os ollos dos seus netos e netas.

 

TEXTO CONTRACAPA
COA AVOA TODO É POSIBLE.
CO AVÓ TODO É POSIBLE.
ELA ATOPA TESOUROS NOS SEUS PETOS.
EL ADIVIÑA OS MEUS SOÑOS.
O AVÓ FALA CON TENRURA.
A AVOA ABRAZA CON DOZURA.
NA TERRA OU NAS ALTURAS
O SEU CARIÑO PERDURA

 

ARGUMENTO
A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando o día a día de avoas e avós nas súas vidas cotiás e o seu papel nos fogares. Ollados desde o punto de vista da xente máis nova da casa, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Historias ilustradas para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Este conto complétase con outros dous títulos das mesmas autoras tamén publicados por Alvarellos Editora no selo Verdemar: Mamás e Papás e Irmás e irmáns. Os tres foron traducidos ao galego, directamente dende o polaco pola filóloga Ana Garrido. Os contos desenvolven outra mirada sobre as familias. Quen é a avoa e o avó? Quen son as persoas que me queren e atenden? Que fan cada día? Que desexan?…

 

 

 

 

 

 

Como se di?

16,00 

Lawrence Schimel |  Ilustrado por Thiago Lopes

 

ISBN 978-84-18567-01-8
Pp: 36. Formato: 21,5 x 26 cm
Cartonado. Cosido a fío.
Impreso en Papel FSC Amigo dos Bosques

 

PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO 2022

 

Os mesmos autores de Queres ler un libro comigo? tráennos agora esta nova proposta: Como se di?, un conto que convida a participar activamente aos nosos primeiros lectores e lectoras.

 

TEXTO CONTRACAPA
Se lle tes que pedir permiso ao rei para xogar no labirinto do seu castelo, como se di?

E cando os avós che traen un agasallo da súa viaxe a Exipto, como se di?

Un conto cheo de imaxes fantásticas e nas que expresións como «por favor» ou «grazas» son a chave para viaxar coa imaxinación.

 

CLAVES PARA A LECTURA

Dicir “Por favor”, “Grazas”, “Boa tarde” ou “Bo día” é algo máis que un simple acto de cortesía. Son normas de convivencia, de “conexión” coas demais persoas, que deben formar parte de nós dende os primeiros anos.

Con este conto descubriremos a empatía, a tolerancia e a reciprocidade, valores que deben conformar a intelixencia social das nenas e nenos.

Un álbum ilustrado que convida directamente á participación activa das crianzas, pois está escrito coma un xogo de pregunta-resposta no que irán xurdindo esas fórmulas máis acaídas da cortesía, fórmulas que son realmente claves na interacción social.

 

PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO 2022

Como se di? recibiu en 2022 o Premio Frei Martín Sarmiento na súa edición número XVIII, como o mellor álbum ilustrado para primeiras lecturas. Un galardón que elixe o alumnado de máis de cen centros educativos da rede de Escolas Católicas de Galicia.

 

Idade de interese: +3  

Nivel de lectura: +5 

 

Contos do Sol e da Lúa

12,00 

Helena Villar Janeiro | Ilustrado por Ana Costas

Sete historias para ler a soas ou para escoitar en familia

76 pp. 14×19 cms
ISBN: 978-84-16460-17-5
Capa en rústica plastificada con lapelas

GAÑADORA DOS PREMIOS FREI MARTÍN SARMIENTO 2017

 

Sete contos para ler a soas ou para escoitar en familia. Historias solidarias que reivindican un mundo de poesía, cor, superación, diversidade e maxia.

 

IDADE DE INTERESE: +5
NIVEL DE LECTURA. +8

 

Helena Villar Janeiro explica así a súa obra:

«Estas sete narracións aséntanse todas elas nos principios da ética educativa. Destacan nelas os valores cívicos da solidariedade, da igualdade na integración das diferenzas e do coidado do medio natural, entre outros.
»Escribinos para que poidan ser atractivos á infancia no período de 8-10 anos (mesmo nos cursos finais do ensino primario) e que sexan tamén apetecibles para nenas e nenos máis pequenos.
»As historias fantásticas altérnanse con outras que tratan a realidade complexa na que viven as nenas e os nenos galegos de hoxe».

Dentro de este libro viven dos cocodrilos [Ed. en castellano]

16,00 
Un cuento sobre cómo superar los miedos, ilustrado de una manera fascinante

 

Claudia Souza
Ionit Zilberman

 

32 pp. 21 x 25 cm
ISBN ESP: 978-84-18567-48-3
Capa dura. Cosido con hilo vegetal.
Impreso en papel ecológico.
+3 AÑOS

 

Escrito por la psicóloga infantil y reconocida autora brasileña Claudia Souza e ilustrado maravillosamente por Ionit Zilberman con páginas que parecen cobrar vida.

 

TEXTO CONTRAPORTADA
Te dan miedo las cobras? Y los tiburones?  Y qué me dices de la oscuridad, o de las alturas, o de los espacios cerrados? Yo no le tengo miedo a ninguna de estas cosas, pero lo que si me aterrorizan son los cocodrilos que viven en este libro. Tú le tienes miedos a los cocodrilos? En este cuento vigilan dos enormes. Son los animales más horripilantes del mundo.

 

ARGUMENTO
El protagonista del cuento tiene miedo a los cocodrilos y dos de ellos, enormes,  observan desde dentro del  mismo libro. A él no la da miedo casi nada, ni la oscuridad, ni los tiburones, ni los sitios cerrados o solitarios… Solamente teme a los cocodrilos. Pero enseguida descubrirá que las personas somos más fuertes y grandes que nuestros  temores, y que este miedo que él siente, pronto desaparecerá.

 

CLAVES PARA LA LECTURA
El miedo está presente en la infancia de todas las personas… Ese miedo que asusta,  pero que también fascina. Una puede tenerle miedo a cualquier cosa. ¿A qué le tenemos  miedo? ¿Cómo enfrentarse a ese miedo? Podemos espantarlo? A través de las páginas iremos descubriendo que esas cosas que en un principio nos dan miedo, rápidamente se convertirán en insignificantes. Las ilustraciones, por otra parte, resultan fascinantes: parecen querer huir del papel para convertirse en una fantástica película de animación.

 

Dentro deste libro viven dous crocodilos

16,00 
Un conto sobre como superar os medos, ilustrado dun xeito fascinante.

Claudia Souza
Ionit Zilberman

 

32 pp. 21 x 25 cm. PVP: 16 €
ISBN GAL: 978-84-18567-47-6
ISBN ESP: 978-84-18567-48-3
Capa dura. Cosido con fío vexetal. Impreso en papel ecolóxico.

 

Escrito pola psicóloga infantil e recoñecida autora brasileira Claudia Souza e ilustrado marabillosamente por Ionit Zilberman con páxinas que semellan cobrar vida.

 

TEXTO CONTRACAPA

Póñenche medo as cobras? E os tiburóns? E que me dis da escuridade, ou das alturas, ou dos sitios pechados? Eu non lle teño medo a ningunha destas cousas, pero o que si me estarrecen son os crocodilos que viven neste libro. Ti teslles medo aos crocodilos? Neste conto asexan dous enormes. Son os animais máis arrepiantes do mundo.

 

ARGUMENTO
O protagonista do conto ten medo aos crocodilos e dous deles, enormes, asexan dende dentro do mesmo libro. A el non lle pon medo case nada, nin a escuridade, nin os tiburóns, nin os sitios pechados ou solitarios… Só teme os crocodilos. Pero axiña descubrirá que as persoas somos máis fortes e meirandes ca os nosos temores, e que este medo que el sente, axiña marchará.

 

CLAVES PARA A LECTURA
O medo está presente na infancia de todas as persoas… Ese medo que asusta mais tamén fascina. Un pode poñerlle medo a calquera cousa. A que lle temos medo? Como enfrontarse a ese medo? Podemos espantalo? Tamén iremos descubrindo que esas cousas que nun principio nos dan medo, axiña tornarán en insignificantes. As ilustracións, pola súa banda, resultan fascinantes: parece que queren fuxir do papel e converterse nunha fantástica película de animación.

 

 

 

Había unha vez un neno

18,90 

76 pp. 26,5 x 20 cms
ISBN: 978-84-16460-60-1
Capa Dura. Cosido a fío. Impresión offset.

 

Publicado orixinalmente en Australia pola editorial indíxena Magabala Books, traemos ao galego por vez primeira o álbum ilustrado de Dub Leffler Había unha vez un neno. Unha historia sinxela e universal que conmove dende a primeira páxina. As ilustracións son magníficas, verdadeiras obras de arte.

Traducido por Marta Pérez e Quique Alvarellos.

 

TEXTO CONTRACAPA
Unha historia conmovedora e universal sobre a amizade, os desencontros e as reconciliacións.

“Escribín Había unha vez… para amosarlle a quen o lea que os nenos tamén teñen sentimentos –igual que as nenas– e que outras persoas tamén nos poden facer dano, e non pasa nada, sobre todo cando deixas que as amizades che boten unha man cando te sentes triste.” Dub Leffler.

 

ARGUMENTO
Había unha vez un neno que vivía só nunha illa. De súpeto coñece a unha nena. El pídelle que non mire dentro dunha pequena caixa que el garda con moito segredo, pero a ela pódelle a curiosidade… Ao final triunfa a reconciliación, a comprensión, a xenerosidade e a amizade.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Partimos dunha historia sinxela e universal: a inocencia da amizade, os desencontros e as reconciliacións. A través dun relato que xira arredor dun neno, unha nena, unha illa deserta, un froito que sabe a chocolate e un corazón roto, extraemos unha lección para todos. A necesidade de compartir e comprender os sentimentos das outras persoas, poñéndonos na súa pel.

 

As ilustracións son magníficas: as impoñentes paisaxes da illa, un océano que vai cambiando as súas cores, as sombras dos mangleiros ou a forza dese corazón dourado… son todas verdadeiras obras de arte.

 

Idade de interese: +6
Nivel de lectura: +6

IRMÁS E IRMÁNS

16,00 

Un conto para primeiras lecturas: «A unión é a nosa forza»
[COS TEXTOS EN MAIÚSCULAS PARA FACILITAR A LECTURA]

Małgorzata Swędrowska
Joanna Bartosik

 

FICHA TÉCNICA 52 pp. 20 x 20 cm
ISBN: 978-84-18567-51-3
Traducidos do polaco ao galego por Ana Garrido.
Coa supervisión de María Reimóndez.
Idade de interese: +3

 

Creado polas autoras polacas Małgorzata Swędrowska e Joanna Bartosik, mostra, dun xeito divertido e rachando cos clixés tradicionais, o día a día entre irmáns e irmás vistos desde os ollos deles mesmos.

 

TEXTO CONTRACAPA
O meu irmán parécese a min.
Entendémonos de marabilla.
A miña irmá é distinta a min.
Complementámonos perfectamente.
Co meu irmán salto sobre nubes.
Coa miña irmá sobrevoo montañas.
Tanto teñen as nosas diferenzas
A unión é a nosa forza.

 

ARGUMENTO
A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando o día a día entre irmáns e irmás. Ollados desde o seu propio punto de vista, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Historias ilustradas para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Este conto complétase con outros dous títulos das mesmas autoras tamén publicados por Alvarellos Editora no selo Verdemar: Mamás e Papás e Avoas e Avós. Os tres foron traducidos ao galego, directamente dende o polaco pola filóloga Ana Garrido. Os contos desenvolven outra mirada sobre as familias. Quen é o meu irmán ou a miña irmá? Quen son as persoas que me queren? Que fan cada día? Que desexan?…

 

 

La encantadora de serpientes

16,00 

Álex Mene (texto) | Blanca G. Crespán (ilustración)

[Á VENDA A PARTIR DO 1 DE XULLO DE 2022]

 

36 pp. 21,5 x 28 cms
ISBN castelán: 978-84-18567-25-4
Capa dura. Cosido con fío vexetal.
Papel ecolóxico FSC. Impresión offset.

 

Idade de interese: +3
Nivel de lectura: +5

 

Álex Mene (e Blanca G. Crespán) volven xuntar a súa inspiración nun novo álbum ilustrado para primeiras lecturas. Despois do seu debut en 2018 con A raíña das tortas (Verdemar) regresan en 2022 con A encantadora de serpes, unha nova historia onde a ilusión é o motor que nos impulsa na vida. Alvarellos Editora publica este título no seu selo Verdemar nas dúas linguas, galego e castelán.

 

+ info:Ficha-CAST-la-encantadora-de-serpientes_2022

MAMÁS E PAPÁS

16,00 
Outra mirada sobre as familias nun conto para primeiras lecturas

[EN LETRA MAIÚSCULA PARA FACILITAR A LECTURA]

Małgorzata Swędrowska
Joanna Bartosik

 

 

52 pp. 20 x 20 cm
ISBN: 978-84-18567-49-0
Capa dura. Cosidos con fío vexetal.
Impresos en papel ecolóxico.
+3 ANOS

 

Creado polas autoras polacas Małgorzata Swędrowska e Joanna Bartosik, mostra, dun xeito divertido e vistos desde os ollos das fillas e fillos, o papel de mamás e papás nos fogares, rachando cos clixés tradicionais.

 

TEXTO CONTRACAPA
Mamá dálle a todo. Ás veces, crava puntas.
Papá dálle a todo. Ás veces, prepara o caldo.
Mamá faime rir. Papá é agarimoso.
Mamá compón. Papá canta.
Papá lembra. Mamá soña.
Mamás e papás crean o mundo para nós habitar.

 

ARGUMENTO
A través de 50 escenas ou viñetas vaise retratando, ilustrando, o día a día de pais e nais nas súas vidas cotiás e o seu papel nos fogares. Ollados desde o punto de vista da xente máis nova da casa, vanse sucedendo situacións divertidas, soñadoras e poéticas.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Historias ilustradas para nenas e nenos a partir dos 3 anos. Este conto complétase con outros dous títulos das mesmas autoras tamén publicados por nós Irmás e irmáns e Avoas e Avós. Os tres foron traducidos ao galego, directamente dende o polaco pola filóloga Ana Garrido. Os contos desenvolven outra mirada sobre as familias. Quen é mamá? Quen son as persoas que me coidan? Que fan cada día? Que desexan? Que soñan? Canto me queren?

 

 

Na busca de Antón

16,00 

Ana López Quintela

 

ISBN 978-84-18567-00-1
Pp: 32. Formato: 22,5 x 21,5 cm
Cartonado. Cosido a fío vexetal.
Impreso en papel FSC Amigo dos Bosques.

 

O primeiro álbum escrito e ilustrado pola mestra en Educación Infantil Ana López Quintela (Santiago, 1997) aposta polas novas masculinidades e reflexiona, a través da historia de Antón, sobre os “roles” de xénero.

 

TEXTO CONTRACAPA

Antón aínda non ten un ano,
por iso pouco fala,
así que descoñecemos
se lle gustarán os trens ou as fadas.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Por que, se é neno, hai que asignarlle a cor azul; e, se é nena, a cor rosa?

Por que, se é neno, tenlle que gustar o fútbol; e, se é nena, a danza?

Velaquí un conto que se formula todas estas preguntas e que aposta pola transformación das “vellas” masculinidades e dos estereotipos de xénero.

Así o resume a súa autora, Ana López Quintela:

 

«A literatura infantil é unha das armas máis bonitas e delicadas que temos para a transmisión de valores na primeira infancia. Cando naceu o meu afillado, quixen facerlle un agasallo: este conto. Xorde pola miña preocupación ante a desigualdade que aínda estamos a vivir hoxe, malia os avances: as crianzas, dende moi pequenas, xa se ven influenciadas polos ‘roles’ de xénero, por uns esquemas que temos fixados as persoas adultas sobre o que se considera axeitado ou non axeitado, e que transmitimos dun xeito inconsciente. Este álbum ilustrado contén, pois, unha mensaxe: cada persoa ten a liberdade de elixir que a define, independenteme de como se identifique».

 

Idade de interese: + 3

Nivel de lectura: +5

O meu avó e o queixo

16,00 

María Reimóndez | Ilustrado por Vanesa Álvarez

 

32 pp.
21,5 x 21,5 cms
ISBN: 978-84-16460-81-6
Capa dura.
Cosido a fío.
Impresión offset.

 

Escrito por María Reimóndez e ilustrado por Vanesa Álvarez, O meu avó e o queixo é o título dun dos novos contos Verdemar de Alvarellos Editora da primavera/verán de 2020. Unha orixinal historia entre un avó e a súa neta tecida arredor do afecto, do humor e da gastronomía. E cunhas orixinais ilustracións inspiradas nos graffitis urbanos.

 

Para o meu avó, o mundo debe de ser coma un queixo.

 

  • Idade de interese: +3
  • Nivel de lectura: +5

 

ARGUMENTO

Avó e neta comparten o amor polo queixo. Entre eles establécese un divertido diálogo a través do que iremos descubrindo deliciosos queixos de Galicia e do mundo coma o Manchego, o Cebreiro, o de Arzúa ou o Gruyère. Os intres compartidos entre neta e avó convértense en grandes fiestras abertas a un mundo… que é redondo coma un queixo!

 

CLAVES PARA A LECTURA

María Reimóndez: O meu avó José —ou Pepe— Meilán, que as dúas cousas lle chamaban, deixounos cando eu tiña trece anos, mais o seu paso pola miña vida, coma o de todas as boas persoas, perdura ata hoxe no tempo. Del fican un certo sentido do humor, o que lle gustaba cantar habaneras, o seu traballo no taller con camións e coches de todos os tipos e, sobre todo, o amor que compartimos polo queixo. Un punto de encontro para mediar calquera distancia, para usar os sentidos cando non hai posibilidade doutros entendementos. 

 

Escribín este libro para lembrar como as persoas perduran en nós, mesmo cando pensamos que as perdemos. E, tamén, como non, para renderlle unha boa homenaxe a esa marabilla diversa do coñecemento humano que son os múltiples queixos.

 

Vanesa Álvarez: Esta historia é un regreso á infancia. Quixen expresalo mesturando personaxes reais [as propias avoas e avós da autora, da ilustradora e do editor] cunha estética de arte urbana e retratos que parecen “stencils” ou estarcidos —un tipo de graffitis— que eu traballo moito, a base de estampados e cores actuais.

Queres ler un libro comigo?

16,00 

Lawrence Schimel | Ilustrado por Thiago Lopes

 

32 páxinas Formato: 25×21 cms
ISBN 978-84-16460-18-2
Capa dura.

 

Un álbum ilustrado que convida a compartir e a reflexionar sobre a diversidade [+3 anos].

 

EDICIÓN RENOVADA EN TAPA DURA

Antón xa sabía ler só, pero quería compartir o seu libro favorito. Saíu todo contento polo barrio e buscou, e buscou… pero nada. Todo o mundo parecía tan ocupado…!  Ata que atopou alguén inesperado con quen facer realidade o seu desexo…

Queres ler este libro comigo?

 

IDADE DE INTERESE: + 3
NIVEL DE LECTURA: + 5

 

Un álbum ilustrado no que se reflexiona, dun xeito divertido e didáctico, sobre a necesidade de compartir: neste caso, compartir un libro. O protagonista quere ler con alguén o seu libro favorito. Porque todo o que se comparte alcanza maior dimensión.

 

Ademais, este conto axuda a tratar temas como a exclusión, promovendo o respecto á diversidade. Revélanos que nunca debemos dar nada por feito. Que arredor dun hai todo un mundo de experiencias por descubrir e que todas as persoas suman nel.

Quero peixe!

16,00 

Áslaug Jónsdóttir

 

28 pp. 22,5 x 21,5 cms
ISBN: 978-84-16460-61-8

 

Quero peixe! é un conto islandés para nenas e nenos que saben o que queren. Escrito e ilustrado pola premiada autora Áslaug Jónsdóttir, narra a historia dunha nena que ten moi claro o que desexa, pero nin papá nin mamá semellan entendela. Un relato divertido e sinxelo creado para interactuar coas lectoras e lectores máis novos.

 

Traducido por Lawrence Schimel (coa colaboración de Quique Alvarellos).

 

TEXTO CONTRACAPA
Mar ben sabe o que quere.

 

ARGUMENTO
Mar ben sabe o que quere. Ela quere peixe! Papá e mamá cren saber o que pide Mar, e tráenlle xoguetes, roupa… e pensan que lle van gustar, pero Mar non quere iso. Ela quere peixe. Despois de moitas voltas e reviravoltas, mamá e papá entenderán por fin o que quere Mar e cociñan para ela o seu prato favorito.

 

CLAVES PARA A LECTURA
Describe a vida cotiá dun matrimonio cunha filla. A nena, que aínda non sabe ler nin escribir, ten unha idea firme na cabeza: quere comer peixe, pero papá e mamá nin se imaxinan que iso é precisamente o que ela quere. Non a entenden, e tráenlle unha chea de cousas que ela non pedía.

A historia reflicte a frustración dunha nena cuxos pais non chegan a entender o que ela pide.

Ilustracións moi doadas e directas que reforzan a comprensión das emocións da protagonista.

A obra revela, dun xeito divertido, a incapacidade que ás veces teñen os adultos para “escoitar” ás crianzas e entender o que elas realmente desexan.

 

Idade de interese: +3

Nivel de lectura: +5

SoñoS

16,00 

Pere Tobaruela, con ilustracións de Víctor Boullón

 

ISBN 978-84-18567-02-5 Pp: 28.
Formato: 22,5 x 21,5 cm
Cartonado.
Impreso en Papel Amigo dos Bosques. Cosido a fío.

 

Pere Tobaruela e Víctor Boullón preséntannos unha proposta nova para xogar coas palabras e voar coas imaxes: un álbum ilustrado composto todo el de palíndromos, esas palabras que igual se len ao dereito que ao revés.

 

TEXTO CONTRACAPA

Xoga coas palabras.
Voa coas imaxes.
Descobre o mundo
dos palíndromos…

 

CLAVES PARA A LECTURA

Sabes o que son os palíndromos? “Palíndromo” vén do grego palin e dromos: volver e ir para atrás. Son, pois, esas palabras que se poden ler igualmente de esquerda a dereita ou ao revés.
Este incrible conto está feito todo el de palíndromos. Pero non só os textos. As imaxes tamén convidan a buscar ese mundo de simetrías, ese xogo de espellos…

 

Así nolo contan os seus autores:

«”Palíndromo”, do grego palin e dromos: volver e ir para atrás. Ou dito doutra maneira: xogar coas palabras. Pois a Víctor e a Pere non só nos gusta xogar coas palabras; tamén xogamos coas imaxes. Pasámolo ben así e agardamos que as lectoras e lectores que vos mergulledes neste conto de SoñoS tamén o pasedes de marabilla. Levamos uns anos facendo proxectos xuntos, pero nunca fixemos un libro coma este, no que deixamos voar a nosa imaxinación ata límites insospeitados. Máis nada, xoguemos, soñemos!».

 

Idade de interese: +3

Nivel de lectura: +5