• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autor

Xosé Manuel Maceira Fernández

Xosé Manuel Maceira Fernández (Orazo-A Estrada, 1964) é doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago. Catedrático de Lingua galega e literatura e mais director do IES de Cacheiras (Teo). Autor dos volumes A literatura galega no exilio (1995), O nacionalismo cívico (2007) e das seguintes antoloxías, VV.AA.: Literatura na diáspora bonaerense (1997) e Leandro Carré Alvarellos: Obra inédita e esquecida (Alvarellos Editora, 2006). En 2006 gañou o Premio Carvalho Calero na modalidade de Investigación lingüística e literaria cun estudo que reinterpreta o contributo das Irmandades da Fala.

Libros do Autor

Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso

22,00 

Outra historia do galeguismo, distinta á oficial.

 

Xosé Manuel Maceira Fernández

 

Formato: 633 pp. 20 x 19 cms
ISBN: 978-84-89323-53-7

 

Este volume recupera a figura esquecida de Leandro Carré Alvarellos (A Coruña, 1888-1976) e o inxente labor cultural do galeguismo coruñés, dende o século XIX ata o período democrático.

 

A obra estuda a súa produción atendendo aos diferentes xéneros literarios, integrando de xeito cronolóxico a obra editada e a inédita. Ao tempo, considérase o contexto sociolóxico de cando foi creada e a recepción de crítica e público.

 

O autor fixo un seguimento da crítica na prensa ou noutras fontes que puidesen achegar datos, co fin de encadrar o estudo das obras nun marco de análise sociolóxica, interdisciplinar e coa teoría literaria máis acaída.

 

UNHA REVISIÓN DA CULTURA GALEGA DENDE O SÉCULO XIX

Do mesmo xeito, tratouse a extensa obra ensaística deste polígrafo con vocación de activista cultural. Detívose na investigación da literatura popular, da etnografía, do folclore, as tradicións, as lendas ou a mitoloxía galega. Amais da reivindicación cultural ou lingüística, outra actividade importante foi o labor institucional. Alén disto está o servizo de Carré Alvarellos á filoloxía galega, un eido ao que dedicou esforzos e contributos desde a primeira década do século XX até o derradeiro artigo que escribiu.

 

En Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso, Xosé Manuel Maceira Fernández revisa a historia literaria e cultural desde o século XIX, á luz dos contributos do grupo coruñés, un colectivo que construíu un relato galeguista enfrontado coa proposta oficial.