• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

21,50 

Diarios (1938 e 1945)

Syra Alonso

 

Tradución de Anxos Sumai García
Introdución de Carme Vidal
Epílogo de Conrado J. Arranz

276 pp . 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-18567-81-0
Papel FSC Amigo dos Bosques

Unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Nova edición actualizada e ampliada con material inédito (textos e imaxes) e onde participan tres especialistas na autora: Carme Vidal, Anxos Sumai e, dende México, Conrado J. Arranz.

A voz de Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970) emerxe dende o silencio do exilio para contar unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Estes Diarios (1938 e 1945) que agora regresan en nova edición e con material inédito, relatan o terror vivido en Galicia e a loita desesperada de Syra por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897-Bértoa, Carballo, 1936), durante as horas máis tristes da súa vida. Un documento imprescindible que mostra o horror do franquismo e a forza da resistencia persoal.

A presente edición dos Diarios de Syra Alonso actualiza e amplía, con diverso material inédito, o volume publicado no ano 2000 cando foran descubertos os manuscritos.

Conta coa participación de varias especialistas na autora: un estudo introdutorio actualizado da ensaísta e xornalista Carme Vidal, a tradución ao galego a cargo de Anxos Sumai García, o epílogo asinado polo profesor e investigador mexicano Conrado J. Arranz Mínguez, que descobre a faceta creativa e de narradora de ficción de Syra Alonso, y aporta un conto descoñecido da autora, titulado “Tres homiños” ambientado na Galicia daqueles días terribles.

A actual edición aporta así mesmo 16 páxinas de fotografías e documentos inéditos ou moi pouco difundidos da autora e do pintor.

 

 

Compartir

Autoría

SYRA MARÍA ALONSO BRUFAU é unha das máis extraordinarias cronistas da represión franquista. Naceu na Coruña en 1899. Filla dunha familia burguesa, moi nova coñeceu ao pintor Francisco Miguel, co que compartiría vida e proxectos. Xuntos rexentaron a Libraría da Arte na rúa Real, un espazo frecuentado por galeguistas e republicanos. Fascinados pola cultura de vangarda, viaxaron entre 1923 e 1926 a París e Cuba, para finalmente establecerse en México en 1926, onde conviviron cun amplo círculo de artistas e intelectuais. En 1933 regresaron coa súa familia á Coruña e estableceron o seu fogar en Santa Cruz de Oleiros, na que foi alcumada por Syra como Casa da Felicidade. O 3 de agosto de 1936, Francisco Miguel foi detido polos sublevados e, vinte e seis días despois, apareceu o seu corpo sen vida, xunto con outras tres persoas, todos cruelmente asasinados. Os outros eran Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete. Serían enterrados en Bértoa, Carballo. Os seus restos non serían identificados ata setembro de 2023, cando foron exhumados pola ARMH. A partir deste tráxico acontecemento, Syra inicia a escrita das súas memorias. En 1942 consegue exiliarse en México xunto cos seus tres fillos, Francisco Alberto, Juan Ramón e Sandro. Co paso dos anos, unha xordeira progresiva irá afastándoa da vida social. Faleceu en 1970, vítima dun cancro de ósos, en México DF. No ano 2000 saíron á luz os seus escritos, traducidos ao galego por Anxos Sumai e editados por A Nosa Terra. Reeditados por Alvarellos Editora en 2025, saen publicados por vez primeira en castelán en 2026, con numeroso material inédito nunha edición ao coidado de Conrado J. Arranz. As Memorias de Syra son un documento clave da represión durante a guerra civil en Galicia e do exilio. Escritos entre 1937 e 1945, os textos dan conta do horror vivido e da dignidade das mulleres galegas, ás que Syra rende homenaxe pola súa valentía fronte á brutalidade franquista. (Na imaxe, a autora na Ficha de Migración expedida en México en agosto de 1942).