• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autor

Luz Pozo Garza

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922), catedrática, poeta, ensaísta e crítica, pertence á Real Academia Galega desde 1996. A súa obra poética principia con Ánfora (1949), El Vagabundo, Cita en el viento... En galego: O paxaro na boca, Verbas derradeiras, Concerto de outono, Códice Calixtino, Prometo a flor de loto, Medea en Corinto, As arpas de Iwerddon, Memoria solar, As vodas palatinas, Deter o día cunha flor (2009)... Dirixiu a revista literaria Nordés. Na actualidade (2011), leva Clave Orión, en galego, con colaboracións en alemán, ruso, grego e outras linguas. Como ensaísta e crítica, publicou A bordo de “Barco sin luces” —agora renovado—, Álvaro Cunqueiro e “Herba aquí e acolá “, Galicia ferida/A visión de Luís Seoane, Ondas do mar de Vigo e Diálogos con Rosalía. A súa traxectoria poética levouna, a través de diversas correntes e técnicas, a acadar unha voz moi persoal, hoxe amplamente recoñecida.

Libros do Autor

A bordo dun barco sen luces

17,00 

O mundo poético de Luís Pimentel

 

ISBN: 978-84-89323-72-8
Páxinas: 171
Medidas: 13×23 cm
Idioma: galego
Encadernación: rústica con lapelas
Data 1ª edición en Alvarellos Editora: novembro, 2011

 

Luz Pozo percorre neste ensaio o particular universo creativo do poeta lugués Luís Pimentel (1895-1958) —un dos seus guieiros literarios—. Esta obra foi publicada por vez primeira en 1990 e agora cobra nova vida na presente edición, corrixida e ampliada pola autora. Pozo Garza parte do poemario pimenteliano Barco sin luces, publicado postumamente en 1960 —logo de moitos intentos de edición por parte do autor— para achegarnos ao universo dun home en conflito, comprometido co seu tempo pero atormentado pola soidade, a anguria ante a morte e o desacougo existencial.

 

O escritor e crítico literario Román Raña afirma no Limiar que «o lector ten nas súas mans un estudo cheo de poderosas iluminacións e profundidade de análise». Luz Pozo indaga na forma depurada, aparentemente sinxela de Pimentel, onde descobre tesouros de relevacións vivenciais. Mais, sobre todo, descobre a fórmula axial, ontolóxica e lingüística dunha fraxilidade da existencia, que afecta tanto ao poeta como ao seu emotivo, ferido e reservado universo.

PAZO DE TOR

12,50 

O LIBRO DE DESPEDIDA DA GRAN POETA (1922-2020)

 

94 pp. 14 x 21 cms.
ISBN 978-84-16460-45-8

 

Aos seus 96 anos de idade, publica novo libro unha das voces máis destacadas da poesía galega das últimas décadas. En Pazo de Tor, Luz Pozo Garza viaxa ás orixes familiares dos Garza, situadas neste magnífico edificio barroco enclavado nun lugar privilexiado do Val de Lemos.

 

Inspirándose neste espazo histórico e xeográfico, a poeta compón trinta poemas nos que, unha vez máis, demostra a capacidade da súa pluma excepcional, fóra de calquera tempo ou moda.

 

O coidado da edición corre a cargo da profesora Carmen Blanco, especialista na poeta, e o limiar asínao o escritor, editor e presidente da Real Academia Galega Víctor F. Freixanes.

 

«O lector debe entrar no verso deixándose levar –escribe Freixanes–, descalzo, espido de precaucións e entregado a cada paso que, devagariño, nos conduce pola escada de luz, coma nos antigos místicos, coma os pitagóricos, cara ao non nomeado, a música das esferas, que non se pode describir, mais debemos limitarnos a sentila».

 

Carmen Blanco, na súa nota editorial, exclama: «A soidade é a vitoria. Luz Pozo Garza. Lucidez. Profundidade. Clasicismo. Tamén Luz Pozo. Poética iluminista de luscofusco. E Garza. Sensual poética erótica mística. Luz. Licenzas. Unha mestra. Unha clásica: a ave da luz sabe onde está o norte? ou “Nin sabe acaso nada…”. Pazo de Tor de Luz Pozo Garza. Pazo Garza Pozo».

Rosa tántrica

12,50 

Luz Pozo Garza

 

114 pp. | 14 x 21 cms.
ISBN 978-84-16460-08-3

 

 

Luz Pozo Garza regresa á poesía en galego cuns versos retadores. Levan por título Rosa tántrica e publícase no verán de 2016 na Colección Libros do Sarela de Alvarellos Editora. Asistimos a un microcosmos poético moi singular. Afastada de calquera moda ou tendencia, a escritora e filóloga  —nada en Ribadeo en 1922 e autora do seu primeiro libro de poemas hai case setenta anos (Ánfora, 1949)— establece aquí un diálogo con Jorge Luis Borges a partir do relato “La rosa de Paracelso”, onde o escritor arxentino narra a historia do mago alquimista e do seu incrédulo discípulo. Neste conto, Borges afonda na orixe da creación como algo transcendente. Sobre estes vimbios constrúe Luz, ceibe, a súa Rosa tántrica.

 

DEZ ANOS DE TRABALLO  EN 63 POEMAS

É o seu regreso, despois de Deter o día cunha flor (2009), á poesía en galego. Un conxunto de versos nos que a creadora levaba traballando preto dunha década. O libro consta de 63 poemas, estruturados en dúas partes ou “Libros” e trece capítulos.

 

Luz Pozo mergúllanos nun peculiar universo poético no que, por veces, a puntuación xoga cos lectores e a lingua galega atrae como imán termos e xiros do sánscrito, latín, inglés, portugués e castelán.

 

SIMBOLOXÍA BUDISTA

Aquí, a simboloxía budista e o tantra agroman en cada intre: a enerxía positiva de Pundarika, o vieiro cara ao alén da Tábula Esmeralda, o ciclo de vida-morte-reencarnación do Samsara, a pureza da Flor de Loto… Mais tamén os enigmáticos tigres de Borges ou a aparición de filósofos como Carl Jung “aquel sabio que entendía a alma”.

 

A IDEA DE ETERNIDADE A TRAVÉS DA CREACIÓN

Pídenos Luz, dende o seu outeiro vital, que, coma ela, nos enfrontemos á idea de eternidade a través da palabra e da creación. Así de rica e complexa é esta misteriosa e transcendente Rosa tántrica.

 

Esta edición, ao coidado de Olivia Rodríguez e Henrique Alvarellos, conta coa colaboración dos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que asinan senllos poemas ao final da obra. Así mesmo, Luz Pozo é a responsable da ilustración da capa e dos debuxos interiores.