Nota de prensa: NP_G_Mas_alla_de_la_meta_Emilio_Navaza_Alvarellos_Editora_2022
O atletismo vive un auxe evidente nos nosos días. O renacer das carreiras populares e eses centos de novos afeccionados que a diario saen a percorrer as súas cidades ou contornas naturais devolveron o protagonismo a un deporte xa centenario en Galicia e que deu ao mundo inesquecibles figuras.
Esta obra, Más allá de la meta. Historias atléticas de Galicia (Alvarellos Editora, 2022), escrita co ritmo áxil dun veterano xornalista deportivo, Emilio Navaza (e que tamén foi atleta), trasládanos precisamente a algúns deses momentos clave na historia do atletismo galego. En total, vinte e tres crónicas ilustradas con preto dun centenar de históricas fotografías.
Viaxaremos aos tempos do Comesaña Sporting Club de Vigo en 1915, o máis antigo de Galicia; ou ata os inicios do pedestrismo, nos anos 70 do pasado século, coa carreira popular de Santiago de Compostela como emblema, nacida en 1978 e impulsada precisamente polo propio Emilio Navaza.
Ao longo destas páxinas reencontrarémonos con figuras indelebles como as de tres mulleres galegas pioneiras no atletismo español: Nela Souto, Natacha Astray e Luisa María García Pena. Ao seu lado, os nosos grandes olímpicos Javier Álvarez Salgado, Carlos Pérez, José Carlos Adán e Alejandro Gómez, os catro vigueses, cidade forxadora de grandes atletas. Vigo vivirá, ademais, nos anos sesenta, unha verdadeira época dourada no cros, baixo as filas do Club Celta.
Neste Más allá de la meta hai tamén espazo para lembrar as visitas a Galicia de ilustres figuras internacionais como Edwin Moses, Rosa Mota ou Said Auita; ou aquela singular viaxe de Natacha Astray desde a España franquista á Cuba de Fidel, ou os mundiais militares da Coruña en 1964…
Son historias de superación, de constancia e de esforzo —tres grandes valores do atletismo— e, sobre todos eles, é o documentado relato dunha paixón, desde Galicia, por un deporte único.
Esta edición contou coa axuda da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Atletismo.