• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

20,00 

MARÍA VINYALS, LA MUJER DEL PORVENIR [Edición en castelán]

Siete vidas bajo la sombra de un castillo

 

 

Formato: 23,5 x 15,5 cms. 248 pp.
ISBN castelán 978-84-16460-69-4

 

Esta obra é o resultado dunha profunda e rigorosa investigación, con numeroso material inédito (documental, gráfico e de testemuños orais), sobre a apaixonante historia vital de María Vinyals y Ferrés, nacida en 1875 no Castelo de Soutomaior (Pontevedra).

 

María Vinyals medrou no seo dunha familia acomodada, acumulou intensas experiencias e acabou converténdose nunha prolixa escritora, nunha pioneira do feminismo e nunha muller preocupada pola sociedade que a rodeaba.

 

Na súa vida privada rebelaríase contra o desencanto dun matrimonio desgraciado. Co seu segundo marido –o médico cubano Enrique Lluria– compartiría ideais políticos e sociais, e xuntos chegarían a fundar, en 1910, un gran sanatorio, no vello teatro do propio Castelo de Soutomaior. Fixaron aquí a súa residencia xunto aos seus cinco fillos; catro procedían de matrimonios precedentes.

 

En 1917, afogados polas débedas e marxinados polos seus ideais políticos, María Vinyals e Enrique Lluria abandonarían para sempre o Castelo de Soutomaior. Foi entón cando os seus camiños, e os dos seus fillos Antonio, Enrique, Emilia, María Teresa e Roger, tomarían diferentes rumbos e nunca volverían a atoparse.

 

O presente ensaio histórico (publicado en tres idiomas: galego, castelán e inglés) repasa estas sete vidas que medraron baixo a sombra dun castelo. Desde esta impresionante fortaleza medieval, que hoxe é patrimonio público, propiedade da Deputación de Pontevedra, Diego Piay viaxa máis alá dos seus límites e das súas ameas, máis alá de Pontevedra, Galicia… ou Europa.

 

Esta historia xestouse tras as robustas murallas do castelo e agora, moitos anos despois, regresa ao lugar onde todo comezou.

ef54109e1580
Compartir

Autoría

Diego Piay Augusto (Pontevedra, 1979) é licenciado en Historia coas especialidades de Arqueoloxía e Historia Antiga. É profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo e traballa, así mesmo, como arqueólogo desde hai máis de vinte anos. Deste xeito, dirixiu intervencións ou participou en escavacións emblemáticas como Pompeia ou Piazza Armerina. É autor do libro Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Cristiano (2018), materia sobre a que, logo de máis de quince anos de investigación, se doutorou en 2016 na Universidade de Santiago de Compostela coa cualificación de sobresaínte cum laude e recibiu o premio especial de doutoramento. Da súa actividade como investigador dan conta, ademais, numerosos artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, nos que as fontes arqueolóxicas tiveron sempre un papel protagonista. Nesta obra, María Vinyals, a muller do porvir, Diego Piay afástase das súas inquietudes históricas e científicas habituais para achegarlle ao público os resultados dunha profunda investigación que naceu ao abeiro do Proxecto de Musealización do Castelo de Soutomaior, promovido pola Deputación de Pontevedra, durante a cal se indagou sobre a historia da fortaleza e, en especial, dunha das súas propietarias máis ilustres, María Vinyals y Ferrés.
Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).