• 0 Items - 0,00 €
    • Non hai produtos no carriño.

Autoría

Mª Pilar García Negro

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) é escritora, sagaz investigadora e profesora da Universidade da Coruña. Ensino, cultura, literatura galega, políticas para as mulleres e política lingüística son os eixes sobre os que desenvolve a súa actividade profesional. Entre as súas numerosas obras publicou, en Alvarellos Editora, en 2010, o estudo introdutorio de Gran Lugo de nebra. Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999, de Uxío Novoneyra; en 2013, o ensaio 'Cantares gallegos', hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro (2013), que recibiu o Premio da Edición de Galicia ao Mellor Libro de Non Ficción do ano, e No tempo de 'Follas novas'. Unha viaxe pola literatura universal (2015), no que García Negro se ocupou do coidado da edición e convocou un excelente elenco de docentes e escritoras/es.

Libros do Autor

“Cantares gallegos”, hoxe

13,00 €

Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro

 

Formato: 134 pp. 13×23 cms
ISBN: 978-84-89323-88-9

 

PREMIO DA EDICIÓN DE GALICIA ao Mellor Libro de Non Ficción do ano 2013

 

Ao cumprírense 150 anos da publicación de Cantares gallegos (Vigo, 1863), a profesora María Pilar García Negro leva a cabo unha posta ao día orixinal, realista e actualizada da obra que cualifica como o primeiro monumento da literatura galega contemporánea. “O noso intento foi explicar a Rosalía e explicar os Cantares… desmusealizándoos”, afirma García Negro. “O feminismo ilustrado e sempre socializado; o amor e a defensa afervoada da Galiza; o compromiso radical coas súas clases populares. A fórmula maxistral da escritora aliméntase destes mandatos”.

Gran Lugo de Nebra

14,00 €

Antoloxía de versos e prosas, 1955-1999

 

ISBN: 978–84–89323–64–3
Páxs: 140
Medidas: 13×23 cms
Ilustracións: Xesús Blas Lourés, Tino Grandío e o propio autor.
Encadernación: capa dura
Data de publicación 1ª edición: novembro, 2010

 

O volume dedicado a Lugo que o poeta quixo facer en vida, pero que non chegou a ver. Inclúe 51 textos, en verso e prosa, escritos entre 1955 e 1999. Trece deles, inéditos. Con estudo de Pilar García Negro e ilustracións de Blas Lourés.

 

Ás veces canta o Norde unha pasión de lonxes i as murallas pechando un gran Lugo de nebra pechando abertas (…) Estes versos inéditos de Uxío Novoneyra (1930-1999) abren Gran Lugo de nebra, un volume que reúne, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou non publicada do autor sobre a cidade de Lugo. Eiquí inda sigue Galicia fortemente reconocible i enteira, di noutro intre.

 

Trece dos textos son rigorosamente inéditos: catro poemas e oito escritos en prosa. Esta é a obra sobre Lugo que o poeta —a quen este ano 2010 se lle dedican as Letras Galegas— quixo facer en vida, á que se referiu en varias ocasións dende comezos dos anos oitenta, pero que non chegou a ver publicada.

 

A profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro leva a cabo un fondo estudo introdutorio sobre a obra de Novoneyra e a súa conexión coa cidade (“En Lugo, na miña ciudá, onde comencei a dormir normalmente”, escribe o poeta en 1960). E o pintor Blas Lourés ilustra, pola súa banda, algunhas das páxinas aquí rescatadas.

 

GRAN LUGO DE NEBRA abarca cinco décadas de vida e devoción pola cidade amurallada, dende 1955 ata 1999, ano do falecemento do escritor.

No tempo de “Follas Novas”

18,50 €

UNHA VIAXE POLA LITERATURA UNIVERSAL

Mª Pilar García Negro, ed.

 

282 pp. 13 x 23 cms
ISBN 978-84-89323-97-1

 

Mª Pilar García Negro convoca un excelente elenco de docentes e escritoras/es nun libro coral. Nel leremos textos de autoras e autores contemporáneos de Rosalía de Castro, nun diálogo literario que arrinca  –como primeira obra escolmada– de Follas novas (1880).

Este ensaio demostra, con valentía e orixinalidade, como os debates ideolóxicos e estéticos no mundo do XIX están presentes na nosa escritora, e como, dende Galiza, se pode emprender unha viaxe á literatura universal.

 

COLABORAN NESTA OBRA

Eduardo Álvarez escolle e comenta a Guy de Maupassant.

Anxo Angueira escolle e comenta a Arthur Rimbaud.

Celia Mª Armas García escolle e comenta a Marchesa Colombi.

Xosé Luís Axeitos escolle e comenta a Alphonse Daudet.

Teresa Barro escolle e comenta a Frances Harper.

Carlos Callón escolle e comenta a Júlia Lopes de Almeida.

Marica Campo escolle e comenta a Castelo Branco | Verdaguer.

Luís Cochón escolle e comenta a Christina Rossetti.

Carme Fdez. Pérez-Sanjulián escolle e comenta a Eça de Queirós.

Mª Pilar García Negro escolle e comenta a Clarín | Pardo Bazán.

Mª Jesús Lorenzo Modia escolle e comenta a George Eliot.

Kathleen N. March escolle e comenta a Harriet Beecher Stowe.

Carlos Negro escolle e comenta a Curros Enríquez.

Pilar Pallarés escolle e comenta a Emily Dickinson.

Andrés Pociña-Aurora López escollen e comentan a José Martí.

Francisco Rodríguez escolle e comenta a Oscar Wilde.

Elvira Sanz Gómez escolle e comenta a Henrik Ibsen.

Xoán Ignacio Taibo escolle e comenta a Liev Tolstoi.

Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).