Cinco portadas históricas de Urbano Lugrís convertidas en carteis de gran formato.
Medidas 32×45 cm.
Impresas en cartolina estucada semi-mate de 350 gr.
[No PVP están incluídos os gastos de envío]
No ano do 50 aniversario da morte de Urbano Lugrís (A Coruña – Vigo, 1973), Alvarellos Editora rende homenaxe ao pintor e escritor –de quen publicou toda a súa obra literaria en 2008 e 2017– coa edición facsimilar das cinco portadas históricas que elaborou nos anos 50 para a revista Vida Gallega. Convertidas agora en carteis de gran formato (34 x 45 cm.).
Alvarellos Editora rescata, en edición facsimilar, as cinco portadas históricas que o gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908 – Vigo, 1973) realizou para a revista Vida Gallega nos anos 50. Esta publicación editábase mensualmente (durante a súa segunda época), primeiro en Vigo e posteriormente en Lugo, entre os anos 1954 e 1963. Neste período Lugrís colaboraría intensamente, ben por medio de textos literarios, ben a través de espectaculares ilustracións como as que elaborou para estas cinco portadas agora rescatadas con motivo dos 50 anos do pasamento do artista.
Levan por título “Globo de Betanzos”, “Alegoría de Vigo”, “Alegoría carnavalesca”, “Collage” e “Alegoría das catro provincias galegas”, e foron publicadas entre agosto de 1955 e febreiro de 1959.
Nelas desenvolve o pintor boa parte do seu sedutor universo creativo. Están plenas de cor e inspiración. Como sinala Olivia Rodríguez-Tudela, estudosa do pintor e responsable da edición da obra literaria de Lugrís –Balada de los mares del norte (Alvarellos Editora, 2008) e El tesoro de Punta Herminia (Alvarellos Editora, 2017)–: «O sangue artístico de Urbano Lugrís é un surrealismo de fantasía e de imaxinación, que comparte con Eugenio Granell e con Maruja Mallo. A orixinalidade da súa obra débese a estar inscrita nunha Terra e nunha Cultura fondamente galeguista e republicana, da que procedía. Con este legado ás costas atravesou a Longa Noite de Pedra».
Esta inspiración está directamente plasmada nestas cinco obras de arte coas que Lugrís sublimou, con explosión de cor e vida, as portadas de Vida Gallega naqueles días tan grises da década dos 50.
[Véndense só a través da web de Alvarellos Editora www.alvarelloseditora.gal e, durante o ano, na Semana do Libro de Compostela (Selic) en xuño e na Feira do Libro da Coruña de inicios de agosto. Pódense mercar en “pack” os cinco, ou ben soltos, seleccionando na Cesta da compra os que se desexen].