• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

14,00 

El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos

Urbano Lugrís

 

108 pp | 14 x 21 cms
ISBN 978-84-16460-24-3

 

Urbano Lugrís era un poeta pintor. E o único pintor do mundo capaz de escribir baixo a auga, en palabras doutro gran escritor e poeta, Manuel Rivas. Alvarellos Editora rescata este verán once textos “somerxidos” de Lugrís. Prosas e poemas –en castelán e galego– moi pouco coñecidos ata hoxe (mesmo algún inédito) que nos internan no seu fascinante universo narrativo e lírico.

 

Baixo o título El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos agrúpanse textos dispersos que foron aparecendo desde a edición, en 2008, daquela primeira Balada de los mares del norte (Alvarellos Editora), único volume de Lugrís ata a data, pois o artista falecía en 1973 sen ver publicado, en libro, o seu rico e abundante traballo literario, esparexido e esquecido, durante décadas, en xornais e revistas… A profesora de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, especialista en Lugrís, encárgase do coidado da edición.

 

Ademais dos 11 textos, este volume reúne 25 debuxos do autor, tamén moi pouco divulgados; entre eles, as fermosas letras capitulares que creaba o pintor para iniciar os seus escritos.

 

El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos bríndanos a impagable oportunidade de internarnos, de novo, nese mundo de tesouros ocultos, grutas e naufraxios.  Escenarios escritos e pintados a un tempo pola pluma e o lenzo inigualables de Urbano Lugrís.

55ff60ac8a53
Compartir

Autoría

Urbano Lugrís González (A Coruña, 1908 - Vigo, 1973) foi un dos pintores máis sobranceiros de Galicia e un dos surrealistas españois máis orixinais e inspirados. Fillo de Manuel Lugrís Freire (e pai do pintor Urbano Lugrís Vadillo), a súa obra pictórica está consagrada ao mar e con esta temática deixou lenzos insuperables. Paralelamente á súa creación plástica, cultivouse como escritor, faceta iniciada xa nos anos corenta e prolongada ata o final dos seus días. Non obstante, nunca viu en vida publicado un só libro. Os seus textos quedaron espallados por publicacións periódicas, ou ben inéditos.