O río Sarela representa –cos seus pouco máis de dez quilómetros de camiño dende o seu nacemento preto de Pardaces ata a desembocadura no río Sar en Vidán– unha parte fundamental da personalidade, e da historia, de Santiago de Compostela. Non obstante, as súas poéticas augas e a súa riquísima contorna seguen a ser hoxe unhas grandes descoñecidas. Por esta razón, a presente obra, Sarela. Paisaxe cultural (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2022), de José Manuel Ortigueira, será todo un descubrimento.
Poderemos gozar dun patrimonio histórico que nos sorprenderá dende o inicio: como os esquecidos petróglifos, ou pontes tan singulares como a dos Tres Ollos ou a da Burata, a historia das lavandeiras ou as 17 fontes e ata 50 muíños rexistrados no seu percorrido. A carón disto, veremos a riqueza natural, a flora e a fauna, pois o Sarela agasállanos con verdadeiros bosques de ribeira que acollen un ecosistema natural único.
Esta paisaxe complétase coa singular historia industrial do río. Durante o século XIX, arredor das súas augas funcionaron ata 15 fábricas de curtidos, nun tempo no que Compostela chegou a ser a capital da industria do coiro en España.
Toda esta documentación preséntase dun xeito áxil e didáctico, enriquecida con máis de 100 imaxes e ilustracións –actuais e históricas–, ademais dun detallado mapa que nos permite situar todos eses lugares citados e camiñar, guía en man, por unha «nova» Compostela fluvial.