• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

16,00 

Lugo Blues

Claudio Rodríguez Fer

Ilustrado por Sara Lamas

 

86 pp . 14 x 21 cms.
ISBN 978-84-18567-54-4
Impreso en papel amigo dos bosques.

 

Á VENDA A PARTIR DO 5 DE XANEIRO DE 2024

 

O poeta Claudio Rodríguez Fer regresa, case corenta anos despois, ao seu Lugo Blues, aquel poemario de culto que, en 1987, sorprendía pola súa calidade e pola aposta temática pola memoria, pola persoal mais tamén pola memoria histórica desta cidade. Unha nova e coidada edición, ampliada e coas novas ilustracións de Sara Lamas, trae de actualidade esta gran obra.

 

Cando en 1987 apareceu a primeira edición de Lugo Blues (Concello de Lugo) axiña se converteu nun libro de culto, e os seus versos –que percorren a memoria persoal do autor mais tamén interpelan a nosa memoria colectiva– ían pasando de man en man descifrando o espírito desta cidade amurallada.
Agora, tantos anos despois, case corenta, era tempo de regresar a esta gran creación de Claudio Rodríguez Fer, que aquí revisa e amplía con numerosos poemas, e que incorpora ademais o suxestivo traballo artístico de Sara Lamas.

 

É un Lugo fondamente emocional e vital, un Lugo sentido como refuxio, mais tamén un Lugo dende o que trazar a medida do mundo. E, por riba de todo, achéganos a memoria histórica dunha cidade onde comparecen Pimentel, Lorca, Ángel Johán, Juana Capdevielle, Urania Mella, o doutor Vega Barrera ou Díaz Baliño, entre moitos outros daquela tribo dos vencidos, mais nunca derrotados.

 

 

 

Compartir

Autoría

"Claudio Rodríguez Fer é poeta, narrador, dramaturgo e ensaísta lucense de moi longa traxectoria humanista. Reuniu a súa poesía en Amores e clamores e a súa narrativa en Contos e descontos, ademais de cultivar a poesía visual e obxectual en Cinepoemas e Corpoética. Moi traducido e premiado dentro e fóra de Galicia, o seu poema «A cabeleira» publicouse en setenta linguas dos cinco continentes. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela e foi profesor visitante en Universidades de Nova York, París e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa). Coordina os cadernos Unión Libre e é autor de ensaios e edicións sobre Dostoievski, Tolstói, Verne, Antonio Machado, Borges e moi numerosos autores galegos, especialmente lucenses, como Pimentel, Ángel Johán, Fole ou Cunqueiro. O retrato do autor e a ilustración deste novo Lugo Blues son obra de Sara Lamas, artista lucense que cultiva a pintura, o debuxo, o gravado, a artesanía e o deseño, con obra exposta e reproducida nun gran número de publicacións, especialmente de Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, María Lopo e Olga Novo."