Lugo Blues
16,00 €Claudio Rodríguez Fer
Ilustrado por Sara Lamas
86 pp . 14 x 21 cms.
ISBN 978-84-18567-54-4
Impreso en papel amigo dos bosques.
Á VENDA A PARTIR DO 5 DE XANEIRO DE 2024
O poeta Claudio Rodríguez Fer regresa, case corenta anos despois, ao seu Lugo Blues, aquel poemario de culto que, en 1987, sorprendía pola súa calidade e pola aposta temática pola memoria, pola persoal mais tamén pola memoria histórica desta cidade. Unha nova e coidada edición, ampliada e coas novas ilustracións de Sara Lamas, trae de actualidade esta gran obra.
Cando en 1987 apareceu a primeira edición de Lugo Blues (Concello de Lugo) axiña se converteu nun libro de culto, e os seus versos –que percorren a memoria persoal do autor mais tamén interpelan a nosa memoria colectiva– ían pasando de man en man descifrando o espírito desta cidade amurallada.
Agora, tantos anos despois, case corenta, era tempo de regresar a esta gran creación de Claudio Rodríguez Fer, que aquí revisa e amplía con numerosos poemas, e que incorpora ademais o suxestivo traballo artístico de Sara Lamas.
É un Lugo fondamente emocional e vital, un Lugo sentido como refuxio, mais tamén un Lugo dende o que trazar a medida do mundo. E, por riba de todo, achéganos a memoria histórica dunha cidade onde comparecen Pimentel, Lorca, Ángel Johán, Juana Capdevielle, Urania Mella, o doutor Vega Barrera ou Díaz Baliño, entre moitos outros daquela tribo dos vencidos, mais nunca derrotados.