Autor

Ursula Heinze

"

Ursula Heinze naceu en 1941 en Colonia (Alemaña). Licenciouse en Filoloxías Inglesa e Alemá na Universidade de Colonia. Formou parte do grupo universitario de teatro, estudou piano e canto. Reside e escribe desde 1968 en Santiago de Compostela. Foi catedrática de Ensino Medio en Alemaña e lectora de alemán na Universidade de Valladolid (1973-1977). É membro fundador do PEN Clube Galego e a súa presidenta entre 1991 e 1995. No ano 1993 organizou en Santiago de Compostela o 60 Congreso Mundial do PEN. Ata 2014 foi membro do Patronato Rosalía de Castro. É autora de numerosas obras: novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil, poesía en galego e poesía e relatos en alemán. Traduciu obras de autores alemáns ó galego e ó castelán. En 2015 publica ...e os domingos, un croissant (Alvarellos Editora), onde narra o seu internamento nun psiquiátrico."

Libros do Autor

… E OS DOMINGOS, UN CROISSANT

13,50 

DIARIO DUN ENCONTRO COA VIDA

 

147 pp. 14 x 21 cms
ISBN 978-84-89323-96-4

 

Tras padecer unha fonda depresión, a escritora e filóloga Ursula Heinze (autora dunha extensísima e premiada obra literaria) decide ingresar voluntariamente no sanatorio psiquiátrico La Robleda, preto de Santiago de Compostela.

 

Neste libro relata os dous meses de finais de 2014 que pasou internada tratando de superar a súa enfermidade. Escribiu día a día. A obra que o lector ten nas súas mans é o retrato coral, intenso e fondamente humano da vida nun psiquiátrico.

 

«Aquí, no Sanatorio, podemos vivir como realmente somos –afirma Ursula–. Fóra, o mundo é real; pero, para sobrevivir, temos que disfrazarnos».

 

PON UN PSIQUIATRA NA TÚA VIDA… E XA VERÁS

16,00 

[Un cara a cara entre unha enferma de depresión e o seu psiquiatra]

 

177 pp. 14 x 21 cms
ISBN 978-84-16460-14-4

 

Despois de publicar en 2015 unha crónica da súa experiencia como interna nun psiquiátrico, a veterana escritora aborda agora o mundo da depresión dende un ángulo ben diferente: o revelador diálogo entre unha paciente e o seu psiquiatra.

 

Sally McMahon é unha muller madura que padece unha fonda depresión. Para saír do pozo, decide buscar a axuda dun especialista. Visita a un xoven psiquiatra, en sesións mensuais, durante dous anos. Nelas, van aboiando os conflitos e problemas máis fondos da súa enfermidade e da súa vida: a vellez, a idea da morte, a sexualidade, a relación cos demais, a desilusión…  E tamén o proveito, ou non, das propias citas médicas.

 

Despois de publicar …e os domingos, un croissant. Diario dun encontro coa vida (Alvarellos Editora, 2015), onde Ursula Heinze retratara o día a día dos internos dun sanatorio mental, agora a prestixiosa escritora alemá afincada en Galicia regresa cun poderoso, valente e orixinal relato.

 

En Pon un psiquiatra na túa vida… e xa verás, a protagonista, Sally, fala a tumba aberta da súa propia depresión. A prosa camiña áxil e atraente, os diálogos médico-paciente son enormemente reveladores, e a carón deles afloran pensamentos fondos arredor das grandes dúbidas, contradicións e perigos desta tan estendida enfermidade. Nos momentos máis baixos, Sally só se conforta lembrando diante do doutor as viaxes que fixo por toda Europa nos seus anos dourados, cando era unha escritora recoñecida.