• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

24,00 

El tren de Rosalía. Historia del primer ferrocarril gallego

Tomás Cavanna Benet

Prólogo:
Suso de Toro

 

224 pp. 20 x 19 cms.
ISBN: 978-84-18567-36-0
Impreso en Papel FSC Amigo dos Bosques

A incrible e sinuosa historia da chegada do ferrocarril a Galicia en 1873

 

Cando o 15 de setembro de 1873 arrincou, desde a estación Cornes (Conxo) –ao sur de Santiago de Compostela– o primeiro ferrocarril de Galicia, o vapor que a locomotora ía deixando ao seu paso, camiño de Carril, parecía ir debuxando, no aire, a incrible e tortuosa historia, chea de contratempos, que se conta con todo detalle nesta obra, El tren de Rosalía. Historia del primer ferrocarril gallego (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago), escrita polo periodista Tomás Cavanna Benet e prologada polo escritor e Premio Nacional de Narrativa Suso de Toro.

 

Unha peripecia digna dun verdadeiro guión cinematográfico. Con final feliz, si, incluída a gran festa de inauguración daquel luns de hai 150 anos, pero que arrastrou, en cada curva da vía, todos os posibles problemas que un se poida imaxinar…

 

CONVERTER SANTIAGO EN «PORTO DE MAR»

A idea de converter Santiago en «porto de mar» xurdira dúas décadas antes, en 1859, cando xa os trens circulaban, por exemplo, por Barcelona, Madrid, Zaragoza, Alacant ou Irún. En Galicia, o contexto económico era moi adverso e, precisamente por esta razón, o tren viría —digámolo en termos ferroviarios— a cambiar a agulla do país, a traer riqueza. Así o pensaron os primeiros actores daquela fazaña, como o republicano José Sánchez Villamarín ou o prestixioso xeógrafo Domingo Fontán.

 

Pero todo serían dificultades no seu soño: falta de recursos (a pantasma da quebra planeou continuamente sobre o proxecto), erros de cálculo na previsión de custos e mesmo os grandes rentistas asustaban con bulos afirmando que o paso do tren deixaría ás vacas sen leite.

 

A DERRADEIRA VIAXE DE ROSALÍA DE CASTRO 

Esta é, pois, a historia do tren de Rosalía. “De Rosalía” porque a gran poeta viviu os seus anos finais ao pé da estación de Padrón, e porque os seus restos mortais realizaron nel a súa última viaxe en 1891, como ben relata no prólogo o escritor Suso de Toro.

 

Tomás Cavanna é un profundo coñecedor da historia que aquí nos relata coa axilidade e o dato preciso do xornalista sagaz. A súa crónica, ademais, está ilustrada con máis de 130 imaxes e documentos moi descoñecidos.

 

Digamos, pois, como o autor nas súas primeiras palabras: «Lectores, ao tren!»

 

 

 

 

Compartir

Autoría

Tomás Cavanna Benet (Madrid, 1947), xornalista, chegou a Galicia en 1993 contratado por Camilo José Cela para dirixir a súa fundación de Iria Flavia, ocupando o cargo ata que, en 2010, a institución deixou de ser privada. Desde 1996, seguindo instrucións de Cela, construíu, equipou e dirixiu o «Museo Ferroviario John Trulock», co que o Nobel quixo perpetuar a figura do seu avó materno, que entre 1881 e 1919 foi xerente do «The West Galicia Railway». A partir da documentación utilizada para dotar de contido ao devandito museo, en 2008 Cavanna publicou na revista El Extramundi a primeira historia completa daquel ferrocarril. Agora, con motivo do seu sesquicentenario, ofrece esta nova versión, corrixida e aumentada. Cavanna tivo a honra de pertencer durante un par de anos ao prestixioso xurado dos «Premios de narracións breves Antonio Machado», que convocaba a Fundación dos Ferrocarrís Españois e presidía por entón Rafael Comte, o que lle permitiu coñecer a moitos escritores afeccionados á temática do tren, a cal lle contaxiaron. En 2016 publicou Tumba revuelta: cara y cruz de la Fundación Cela.