Alvarellos Editora publica no verán de 2022 unha nova serie de postais históricas da Coruña.
Trátase dunha atractiva caixa que rescata once imaxes da cidade dos anos cincuenta, coa singularidade de que todas as fotografías están coloreadas a man.
Foron publicadas orixinalmente así, polas casas zaragozanas Ediciones García Garrabella e Ediciones Arribas.
O proceso do coloreado manual das imaxes (usando sempre cores pastel foi suaves) fíxose habitual nestes anos 50, de transición entre a fotografía en branco e negro e a fotografía en cor que xa se estendería nos anos 60.
As imaxes, destinadas á promoción turística da cidade, recollen os lugares visualmente máis atractivos para os visitantes: a Solana co Hotel Finisterre e o Xardín de San Carlos, a Dársena e Avenida da Mariña, os xardíns de Méndez Núñez co Hotel Embajador, o desaparecido Hotel Atlántic e os felizmente conservados Quiosco Alfonso e A Terraza, a praia de Riazou ou a Torre de Hércules entre outras.
Esta nova serie A Coruña Coloreada. Anos 50 súmase a outras tres entregas anteriores que, dende 2016, foi publicando esta editorial e presentando, cada mes de agosto, na Feira do Libro da Coruña: A Coruña, anos 20, A Coruña, anos 20 (II) e A Coruña anos 30.