• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autor

Luciano Roisin

Luciano Roisin (París, 1884 - Barcelona, 1943). Recoñecido fotógrafo e editor de postais. En Barcelona creou "La Casa de la Postal". Percorreu toda España fotografando ou encargando material gráfico das grandes cidades, imaxes que comercializaba logo como postais.

Libros do Autor

A CORUÑA ANOS 20

11,50 
Doce postais de gran formato de Luciano Roisin

Pack 12 postais con estoxo | 29 x 13 cm.
ISBN 978-84-16460-09-0

 

Un documento gráfico moi descoñecido da cidade da Coruña: a serie completa das doce imaxes panorámicas que, nos anos vinte do século pasado, comercializou como postais de gran formato (29 x 13 cm.) o fotógrafo francés Luciano Roisin. Dende aquela, non volveran ser difundidas. Son doce escenas urbanas de alto valor documental. Preséntanse agora nesta nova edición coa estética e formato orixinais e gardadas nun novo estoxo deseñado especialmente para esta ocasión.

 

O NACEMENTO DO TURISMO

Na década dos anos 20, A Coruña, de igual xeito que outros puntos de Galicia e España, vivía o nacemento dun turismo que demandaba souvenirs gráficos dos lugares máis atractivos. O fotógrafo Luciano Roisin (París, 1884 – Barcelona, 1943), recoñecido editor de postais afincado en Barcelona (onde creou “La Casa de la Postal”), confeccionou un álbum con doce imaxes moi visuais, panorámicas, da Coruña. Descoñecemos se Roisin foi o autor das fotografías, só sabemos que el foi o seu editor (pois adoitaba tamén encargar o material por toda España). A exposición que se verá na Coruña parte da reprodución directa dun dos exemplares orixinais de postais, pertencente ao Arquivo Gráfico de Alvarellos Editora.

 

QUE MOSTRAN AS IMAXES?

As imaxes mostran, en palabras do editor Alvarellos, “unha cidade grandiosa, fermosa, que hoxe segue a ser moi atractiva, pero que é moi distinta á que nos traen estas doce panorámicas: as barcas amarradas no Parrote, o novo rañaceos do Banco Pastor sobresaíndo no skyline (un edificio inaugurado no outono de 1925 e que foi, cos seus 40 metros de alto, o primeiro rañaceos de Galicia), unha praia de Riazor con bañistas entre gamelas, os Cantóns cos emblemáticos hoteis como o Gran Hotel de Francia, o Gran Hotel Londres, o Hotel Palace ou o Atlantic Hotel… Fronte a eles apenas vemos coches, só tranvías e peóns. E tamén temos panorámicas como a do Castelo de San Antón, a da Torre de Hércules (unha vista —moi diferente a hoxe— dende a Torre) ou a da actividade no Porto cun barco pesqueiro que, no intre da foto, está a botar as redes, co sistema do cerco, a escasos metros do litoral”.

 

Luciano Roisin sempre buscaba perspectivas extraordinarias das cidades, moi visuais e de gran profundidade, como a que obtén dende o alto do rañaceos do Banco Pastor. Será unha delicia para coruñeses e visitantes; non o dubidamos”, conclúe Alvarellos.

 

⇒ VER A CORUÑA ANOS 20 (II). Oito novas panorámicas.

 

A CORUÑA ANOS 20 (II)

10,00 
Oito panorámicas inéditas da cidade

PACK 8 POSTAIS
29 x 13 cm.
ISBN 978-84-16460-40-3

 

En 2016 rescatamos doce fotografías panorámicas moi descoñecidas desta cidade, A CORUÑA ANOS 20, que foran editadas por Luciano Roisin (París, 1884 – Barcelona, 1943) como postais de gran formato, naquela década do século pasado.

 

Agora, no verán do 2018, descubrimos oito novas imaxes daqueles días, que permanecían gardadas no Institut d’Estudis Fotogràfics de Catalunya, onde se custodia a magnífica Colección Roisin.

 

Estas oito panorámicas, que bautizamos como A Coruña Anos 20 (II), completan aquela primeira entrega e decidimos editalas tamén en formato de postais panorámicas (12 x 29 cm.).

 

Descubrimos de novo unha Coruña enormemente atractiva e moi diferente, por outra banda, aos ollos de hoxe: os baños en Riazor, a actividade no Porto, un Parrote ben distinto, os emblemáticos hoteis Atlantic ou Palace ou o novo rañaceos do Banco Pastor sobresaíndo no skyline, entre outras instantáneas. Todas elas nos levan de viaxe a unha década onde emerxería o turismo…

 

Luciano Roisin sempre buscaba perspectivas extraordinarias das cidades, moi visuais e de gran profundidade. Esta sinxela mostra será, pois, unha delicia para veciños e visitantes.

 

PACK 8 POSTAIS
29 x 13 cm.
ISBN 978-84-16460-40-3

A Coruña anos 30

11,50 
12 fotografías da cidade durante a IIª República

Estoxo de 12 postais plastificadas mate.
Formato 21 x 13 cm.
ISBN 978-84-16460-40-3

 

Presentamos unha nova serie de fotografías da cidade da Coruña obtidas na época da IIª República, editadas e comercializadas neses anos polo fotógrafo Luciano Roisin (París, 1884 – Barcelona, 1943), rescatadas agora en formato de postais de gran tamaño (21 x 13 centímetros) e presentadas nun estoxo de novo deseño.

 

A Coruña anos 30 reúne 12 singulares panorámicas da cidade. Sabemos que estas fotografías foron obtidas arredor do verán de 1932 porque nunha delas aparece, no Cantón Grande, o Teatro Linares Rivas (fermoso edificio modernista de 1920 derrubado en 1937) co anuncio na súa carteleira da estrea na cidade da zarzuela Katiuska. La mujer rusa, primeira obra lírica de Sorozábal, que actou na Coruña o venres 22 de xullo de 1932.

 

Outras imaxes mostran a nova nomenclatura urbana do novo réxime, como é o caso da Avenida da República (actual Avenida da Mariña) ou tamén homenaxes a republicanos ilustres como Emilio Castelar, quen fora un dos presidentes da Iª República e que deu nome, dende finais do XIX ata 1937, á  Rúa de Castelar, actual Rúa Nova.

 

Outras fotografías recollen momentos especiais do verán como o intre do baño nunha irrecoñecible Ría del Pasaje, actual Ría do Burgo; un animado día de praia en Riazor ou os inicios da Ciudad Jardín –esa idea pioneira de barrio humanizado onde se alzaban preciosas casas unifamiliares–. A Rúa Real, a Dársena ou Juana de Vega completan esta viaxe pola Coruña da República.

 

A Coruña anos 30 é a terceira serie de fotografías históricas da cidade rescatadas por Alvarellos Editora. En 2016 foi A Coruña Anos 20 (12 imaxes) e, en 2018, A Coruña anos 20 (II), con oito imaxes inéditas, todas elas do editor Luciano Roisin.

 

Estoxo de 12 postais plastificadas mate.
Formato 21 x 13 cm.
ISBN 978-84-16460-40-3

Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).