• 0 Items - 0,00 €
    • Non hai produtos no carriño.
Novo

22,90 €

Non temos límites (Obra dispersa, 1990-2014)

Begoña Caamaño

Edición ao coidado de Ana Romaní, María Xesús Nogueira e Carme Vidal

324 pp. 13 x 23 cms
ISBN 979-13-88293-04-7
Impreso en Papel Amigo dos Bosques

Tres especialistas, e amigas, da escritora e xornalista Begoña Caamaño –falecida prematuramente en 2014 e protagonista en 2026 do Día das Letras Galegas–, Ana Romaní, María Xesús Nogueira e Carme Vidal, reúnen nun sorprendente volume de máis de 300 páxinas textos xornalísticos, conferencias, guións radiofónicos e outros escritos.

NP_GAL_NON_TEMOS_LIMITES_Begonha_Caamanho_Alvarellos_Ed_2026

Non temos límites. Obra dispersa, 1990-2014 (Alvarellos editora), nunha edición ao coidado de Ana Romaní, María Xesús Nogueira e Carme Vidal, descúbrenos «a outra obra» de Begoña Caamaño: a da xornalista, a da activista, a dunha autora con mirada crítica e compromiso feminista, social e político.

Non temos límites reúne os seus textos periodísticos, as conferencias, os guións radiofónicos e outros escritos que foi creando e difundindo entre 1990 e 2014.

Son máis de cincuenta textos, dos que boa parte quedaran esquecidos en diversas publicacións; outros son inéditos, e todos xuntos revélannos á Begoña Caamaño de non ficción.

«A obra xustifícase polo valor intrínseco do material que reúne –sinalan no limiar as responsables desta edición–. Heteroxéneos na súa forma, contido e destino, os escritos mostran o coñecemento e a maneira de estar no mundo dunha autora que tomou posición nos debates do seu tempo. O libro é polo tanto susceptíbel dunha dobre lectura: como unha obra de consulta e como unha sorte de biografía intelectual e vital escrita a retallos e agora reunida. A atraente personalidade da escritora e xornalista, que fascinaba a quen a coñecía, faise presente con forza nestes textos».

[A serie de fotografías que ilustra a capa é obra de Sonia Díaz].

 

 

Compartir

Autoría

Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014) é unha voz literaria fundamental nas nosas Letras. Autora de dúas novelas imprescindibles, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), onde demostra que «os mitos están vivos e temos dereito de facelos nosos», estudou Maxisterio en Vigo e dedicouse por enteiro ao xornalismo: dende 1989, na Radio Galega, primeiro na súa cidade natal e logo xa en Compostela. Colaborou en numerosas publicacións xornalísticas, feministas e antimilitaristas, e desenvolveu tamén unha destacada labor sindical. «Nos seus textos, nas súas conversas, na súa actividade reivindicativa enfía transgresión e humor, utiliza imaxinativos recursos para desmontar crenzas, lugares comúns e prexuízos», sinalan as súas biógrafas Ana Romaní e María Xesús Nogueira no volume Volveredes brindar por min. En 2026 a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas. [Fotografía da autora: Sonia Díaz]
Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).