Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 1822-Granada, 1853) foi, en palabras de Manuel Murguía, «el primero y el mejor». Simboliza, ante todo, a voz dunha xeración, a dos Provincialistas, que iniciaron o vieiro cara ao noso autogoberno. Faraldo foi alma e mente da Revolución de 1846, a que concluíu traxicamente co fusilamento dos hoxe coñecidos como Mártires de Carral.
Antolín Faraldo puxo sobre a mesa, contra a metade do século XIX, debates enormemente actuais: o feminismo, o suicidio, a separación da Igrexa-Estado, a conformación histórica da identidade, a idea de nación, a liberdade de opinión ou o vangardismo literario, entre outros. Representa realmente un caso único na nosa historia polo interese que dous séculos despois segue a espertar.
En 2022 cúmprense douscentos anos do seu nacemento. É pois a ocasión propicia para coñecer mellor o personaxe, dende a súa intensa vida até a súa obra escrita. E esta é a primeira vez que se ofrece un volume tan completo en ambos aspectos.
Querida Liberdade contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla de maneira trepidante nunha época tan apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e cunha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras el, unha completa antoloxía con 45 artigos de Faraldo.
Son pois a vida e a obra dun precursor do Rexurdimento; unha oportunidade única de achegarse hoxe a un nome que segue a ser un gran descoñecido.
XURXO MARTÍNEZ GONZÁLEZ
Xurxo Martínez González (Coia-Vigo, 1984) é doutor cum laude en Filoloxía Galega e premio extraordinario de tese de doutoramento. Está especializado no Rexurdimento, tema que centrou distintos artigos académicos e varias publicacións. Dentro desta Colección Rescate, participou na edición das obras de Aurelio Aguirre e de Antonio Neira de Mosquera. Sacou á luz a biografía de persoeiros como Juan Compañel ou Manuel Leiras Pulpeiro, e de figuras máis recentes coma Luís Soto ou os irmáns Villar Ponte.