Estas son as Memorias dun Café. A alma dun establecemento centenario que foi todo un emblema para a cidade de Santiago de Compostela e para Galicia.
Partindo dunha documentación previa moi escasa, o autor, Fernando Franjo, reconstrúe, grazas á achega de arquivos familiares e coleccións particulares, a historia máis íntima e gráfica dun local que abriu as portas, na actual Praza de Galicia, en 1929, e que pecharía como Café en 2020. Todo isto, a través dunha despregadura, a maior parte inédita, de máis de 130 fotografías, ilustracións e documentación da prensa da época.
As páxinas destas Memorias do Café Derby (1929-2020) son unha homenaxe, en primeiro lugar, ás persoas que mantiveron en pé o Derby: Avelino San Luís, Ramón Barca, Manuel Domínguez e Victoria Domínguez.
Son tamén un convite a nos sentar de novo na mesa e escoitar a Valle-Inclán, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro ou Carlos Casares. A observar desde dentro, ollando tras as famosas vidreiras, o paso de Evita Perón que sae feliz do Hotel Compostela, ou o sorriso de Federico García Lorca, que camiña lixeiro cara á Quintana. Cada páxina é tamén un retrato desa sociedade que fóra bulía con todo o impulso –e as convulsións– que definirían o complexo século XX.
Esta obra recolle entrañables testemuños de habituais do Café, nesa atmosfera de faladoiros e tardes sen fin. Mais tamén dedica todo un capítulo a analizar o valioso e singular patrimonio decorativo e artístico do establecemento.
Compostela estaba en débeda co Café Derby, e esta obra réndelle a merecida homenaxe, desexando que o Derby do século XXI non sexa só memoria senón tamén futuro.