Miguel García-Fernández
Ricardo Pichel
(eds.)
450 pp . 15,5 x 23,5 cms
ISBN: 978-84-18567-46-9
Impreso en papel FSC Amigo dos Bosques
Obra colectiva. Textos en galego e castelán.
Unha homenaxe desde e para San Paio de Antealtares, o mosteiro que naceu coa cidade de Compostela.
Nunha edición ao coidado dos investigadores Miguel García-Fernández –do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia)– e Ricardo Pichel, da Universidad de Alcalá, esta obra colectiva coeditada polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora reúne os traballos de doce investigadores e investigadoras arredor do mosteiro de San Paio de Antealtares, situado detrás da propia catedral compostelá, así como dalgúns dos seus priorados e outras comunidades monásticas relacionadas con Antealtares. O volume xorde como nunha homenaxe a María Mercedes Buján Rodríguez, arquiveira de San Paio recentemente falecida, e á propia Comunidade bieita compostelá.
Fundado no século IX, ao mesmo tempo que a propia cidade de Santiago, é un auténtico «arquivo de arquivos». Del proceden as célebres columnas que sosterían o primeiro sepulcro do apóstolo Santiago. A partir do século XV, Antealtares convertirase nun dos cenobios femininos máis influentes de Galicia e de toda España.
Un novo ensaio colectivo –coeditado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora– e ao coidado dos investigadores Miguel García-Fernández, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia) e Ricardo Pichel, da Universidad de Alcalá, ambos membros colaboradores do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, recolle os traballos sobre historia, patrimonio e vida monástica dunha ducia de investigadores arredor do mosteiro de San Paio de Antealtares, histórico centro relixioso que, fundado no século IX, naceu ao mesmo tempo que a propia cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, outros traballos céntranse na historia e documentación dalgúns dos priorados de Antealtares, que foran mosteiros medievais femininos, como San Salvador de Sobrado de Trives, ou sobre outras comunidades relixiosas e prácticas relixiosas e espirituais da Idade Media e a Idade Moderna.
HOMENAXE A SOR MERCEDES
Esta obra xorde como unha homenaxe colectiva dos editores e autores á propia Comunidade de San Paio de Antealtares e, principalmente, a quen foi a súa arquiveira durante moitos anos, sor Mercedes, responsable, en boa medida, da catalogación, conservación e apertura á comunidade investigadora do arquivo monástico de Antealtares.
Ao longo destas páxinas reconstrúese a historia do mosteiro desde a súa etapa medieval como comunidade masculina até a súa refundación como mosteiro bieito feminino en 1499. Aquí comezará a súa etapa de esplendor, pois chegará a se converter nun dos mosteiros femininos máis poderosos de Galicia e nun dos máis importantes e ricos de España.
A obra ofrece tamén outras achegas sobre o seu patrimonio artístico, a complexidade do monaquismo feminino na Galicia medieval ou a relixiosidade popular impulsada por bieitos e bernardos.
Entre outros temas, saliéntase, ademais, a riqueza do patrimonio documental conservado en Antealtares, así como tamén o alleado deste auténtico «arquivo de arquivos» mais igualmente fundamental para reconstruírmos a historia de institucións galegas como San Salvador de Sobrado de Trives ou asturianas como San Salvador de Corniana.
AS COLUMNAS DE ANTEALTARES
Un dos capítulos céntrase no estudo —mais a reconstrución en 3D— das célebres catro columnas de Antealtares, que ilustran a propia portada do libro e que sosterían orixinalmente a arca funeraria do apóstolo Santiago. Dúas destas esculturas pétreas están hoxe en Madrid, no Museo Arqueológico Nacional, outra delas no Fogg Museum da Universidade de Harvard, en Boston, e a cuarta, perdida xa dende o século XIX.
Na actualidade, o mosteiro de Antealtares, situado detrás da propia catedral de Santiago pechando polo leste a praza da Quintana, está ocupado por unha comunidade de 25 monxas bieitas, e destaca non só pola continuidade na vida monástica das súas relixiosas, senón tamén polo seu Museo de Arte Sacro e o seu arquivo, un dos principais para o estudo do monacato feminino na Galicia medieval.
AUTORÍA (por orden de aparición)
Miguel García-Fernández
Ricardo Pichel
Almudena Vilariño Periáñez
Francisco Javier Pérez Rodríguez
Concepción Burgo López
Miguel Ángel González García
Rodrigo Pousa Diéguez
Víctor Rodríguez Muñiz
Carlos J. Galbán Malagón
Domingo L. González Lopo
Ángela Franco Mata
Clara Elena Prieto Entrialgo
Alfonso García Leal
Enriqueta López Morán
DOCUMENTOS ADXUNTOS
Versión corrixida do capítulo de Ángela Franco Mata que será incorporada nas próximas edicións da obra
Aclaración dos editores Miguel García-Fernández e Ricardo Pichel