Lupe Gómez
PREMIO AO MELLOR LIBRO EDITADO EN GALICIA EN 2019
288 pp. 19 x 14 cms.
ISBN 978-84-16460-66-3
Publicamos un deses libros que poderiamos denominar “inclasificables”. Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972), unha das voces poéticas máis singulares e respectadas dos últimos vinte anos en Galicia, dá a luz Fosforescencias.
“Cando xa ninguén escribe cartas a man” —afirma a autora na introdución—, ela decide manter correspondencia con amizades e diversas personalidades do mundo da escrita e da cultura de Galicia, coa finalidade de artellar un persoal libro de cartas.
“As cartas son elos que unen. Vínculos afectivos que nos achegan uns a outros e nos manteñen cos pés na terra. A lingua é algo amoroso e táctil”, afirma Lupe Gómez.
Fosforescencias exprésase, pois, ao longo de 288 páxinas, mediante textos íntimos, literarios, fondamente poéticos… e reais, posto que foron efectivamente cartas enviadas por correo postal ás persoas destinatarias. A obra recolle tamén algunhas das cartas de volta. Emma Pedreira, Manuel Rivas, Neira Vilas, Yolanda Castaño, Amancio Prada, Francisco Pillado ou Emilio Araúxo son algúns dos receptores.
Lupe Gómez, que publicou o seu primeiro libro —titulado Pornografía— nunha autoedición en 1995, e colleitou premios e recoñecementos durante os anos seguintes (o seu libro Camuflaxe foi Premio da Crítica Española en 2017), afirma hoxe: “Nas cartas recoñézome máis viva e sincera que nos libros que publico e escribo”.
Fosforescencias está ilustrado polo pintor, poeta e galerista Anxo Pastor (Vilardonas, Ribas de Sil – Lugo, 1959), que dialoga cos textos a través da evocación, os símbolos e as cores, que modela aquí por medio de debuxos ou collages.