• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autoría

Syra Alonso

SYRA MARÍA ALONSO BRUFAU é unha das máis extraordinarias cronistas da represión franquista. Naceu na Coruña en 1899. Filla dunha familia burguesa, moi nova coñeceu ao pintor Francisco Miguel, co que compartiría vida e proxectos. Xuntos rexentaron a Libraría da Arte na rúa Real, un espazo frecuentado por galeguistas e republicanos. Fascinados pola cultura de vangarda, viaxaron en 1923 a París e Cuba, para finalmente establecerse en México en 1926, onde conviviron cun amplo círculo de artistas e intelectuais. En 1933 regresaron coa súa familia á Coruña e estableceron o seu fogar en Santa Cruz de Oleiros, na que foi alcumada por Syra como Casa da Felicidade.

O 3 de agosto de 1936, Francisco Miguel foi detido polos sublevados e, vinte e seis días despois, apareceu o seu corpo sen vida, xunto con outras tres persoas, todos cruelmente asasinados. Os outros eran Juan Boedo Pardo, Andrés Pinilla Fraga e Pedro Pinilla Calvete. Serían enterrados en Bértoa, Carballo. Os seus restos non serían identificados ata setembro de 2023, cando foron exhumados pola ARMH.

A partir deste tráxico acontecemento, Syra inicia a escrita das súas memorias. En 1942 consegue exiliarse en México xunto cos seus fillos Sandro e Alberto. Co paso dos anos, unha xordeira progresiva irá afastándoa da vida social. Faleceu en 1970, vítima dun cancro de ósos, na localidade mexicana de Actopan.

No ano 2000 saíron á luz os seus diarios, un documento clave da memoria histórica galega. Escritos entre 1938 e 1945, os textos dan conta do horror vivido e da dignidade das mulleres galegas, ás que Syra rende homenaxe pola súa valentía fronte á brutalidade franquista.

(Na imaxe, a autora en 1920).

Libros do Autor

Diarios (1938 e 1945)

21,50 

Syra Alonso

 

Tradución de Anxos Sumai García
Introdución de Carme Vidal
Epílogo de Conrado J. Arranz

276 pp . 13 x 23 cms.
ISBN 978-84-18567-81-0
Papel FSC Amigo dos Bosques

Unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Nova edición actualizada e ampliada con material inédito (textos e imaxes) e onde participan tres especialistas na autora: Carme Vidal, Anxos Sumai e, dende México, Conrado J. Arranz.

A voz de Syra Alonso (A Coruña, 1899-México, 1970) emerxe dende o silencio do exilio para contar unha das crónicas máis impactantes da Guerra Civil española. Estes Diarios (1938 e 1945) que agora regresan en nova edición e con material inédito, relatan o terror vivido en Galicia e a loita desesperada de Syra por salvar ao seu marido, o pintor Francisco Miguel (A Coruña, 1897-Bértoa, Carballo, 1936), durante as horas máis tristes da súa vida. Un documento imprescindible que mostra o horror do franquismo e a forza da resistencia persoal.

A presente edición dos Diarios de Syra Alonso actualiza e amplía, con diverso material inédito, o volume publicado no ano 2000 cando foran descubertos os manuscritos.

Conta coa participación de varias especialistas na autora: un estudo introdutorio actualizado da ensaísta e xornalista Carme Vidal, a tradución ao galego a cargo de Anxos Sumai García, o epílogo asinado polo profesor e investigador mexicano Conrado J. Arranz Mínguez, que descobre a faceta creativa e de narradora de ficción de Syra Alonso, y aporta un conto descoñecido da autora, titulado “Tres homiños” ambientado na Galicia daqueles días terribles.

A actual edición aporta así mesmo 16 páxinas de fotografías e documentos inéditos ou moi pouco difundidos da autora e do pintor.

 

 

Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).