• 0 Items - 0,00 €
    • Non hai produtos no carriño.

Autoría

Rosalía de Castro

"

Rosalía de Castro (Conxo, 1837 - Padrón, 1885) é a figura central do Rexurdimento da literatura galega no século XIX e unha das poetas máis destacadas das literaturas galega e española de todos os tempos. Autora de Cantares Gallegos, cuxa publicación en 1863 supuxo todo un acontecemento cultural, e Follas Novas (1880), poemario ontolóxico e tamén de denuncia social, o seu derradeiro libro foi En las orillas del Sar (1884), toda unha obra mestra, en castelán. Rosalía merece ser considerada, xunto a Gustavo Adolfo Bécquer, como a precursora da modernidade poética. É autora así mesmo de varias novelas, a derradeira foi El primer loco (1881), ambientada no histórico Bosque do Banquete de Conxo de 1856. A data de aparición de Cantares Gallegos conmemórase todos os anos durante o Día das Letras Galegas. 

"

Libros do Autor

El primer loco (Edición facsimilar e ilustrada)

19,50 €

280 pp . 15 x 20 cms.
ISBN 978-84-16460-58-8
Idioma: castelán (a novela) e galego (a introdución)

Rosalía de Castro

 

EL PRIMER LOCO foi publicada en Madrid en 1881. Está ambientada no Bosque do Banquete de Conxo. A presente edición inclúe, á parte da reprodución facsimilar de 1881, un revelador estudo de María do Cebreiro e Germán Labrador e impactantes fotografías do Bosque de Conxo, de Denís Estévez.

 

Presentamos unha edición moi especial da derradeira novela de Rosalía de Castro. Publicada en Madrid en 1881, El primer loco (subtitulada “Cuento extraño”) desenvólvese no bosque que, en 1856, acollera o insólito Banquete democrático de Conxo, un espazo natural –e vital– que fascinaba á autora. A novela ergue unha dobre bandeira: por unha banda, a da dignidade humana; por outra, a defensa da paisaxe, da natureza.

 

O presente volume, publicado en coedición Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, reproduce fielmente aquela edición primeira e incorpora un magnífico estudo introdutorio, escrito polos especialistas María do Cebreiro Rábade Villar (Universidade de Santiago de Compostela) e Germán Labrador Méndez (Universidade de Princeton-New Yersey), un traballo que con seguridade sentará as bases e abrirá camiños para futuras e novas interpretacións da obra de Rosalía de Castro, en concreto na súa relación coa psiquiatría e tamén co espiritismo.

 

Un singular apéndice gráfico completa esta sedutora publicación: vinte fotografías de Denís Estévez que nos convidan a trazar unha reveladora viaxe sensorial polas sendas do histórico bosque do Banquete de Conxo e de El primer loco.

Novo

En las orillas del Sar (Nova edición facsimilar)

18,50 €

Rosalía de Castro

184 pp . 14’5 x 21’5 cms.
ISBN: 978-84-18567-20-9
Entapado con sobrecuberta.

Catro anos despois da publicación facsimilar do derradeiro libro de Rosalía de Castro, lanzamos en Alvarellos Editora unha nova impresión, cun papel especial, que reproduce o máis fiel posible o aspecto da edición orixinal da autora, publicada en Madrid en 1884.

NP_G_En_las_orillas_del_Sar_FACSIMILAR_Alvarellos_Ed_reimpre_2026

NP_CAST_En_las_orillas_del_Sar_FACSIMILAR_Alvarellos_Ed_reimpre_2026

Catro anos despois da primeira edición facsimilar de En las orillas del Sar, a derradeira obra de Rosalía de Castro, publicamos en Alvarellos Editora en 2022, presentamos unha nova impresión cun papel especial «de época», que reproduce o máis fielmente posible o aspecto e textura da edición orixinal que Rosalía publicou en Madrid en 1884, un ano antes do seu falecemento.

En las orillas del Sar está considerado como a cima da poesía española do XIX. Como sinala no Limiar a especialista María do Cebreiro Rábade Villar, «emerxe ante nós unha das primeiras poetas ecoloxistas de Europa», cun río como protagonista do libro, o Sar, e a defensa dos carballos do Bosque do Banquete de Conxo, un espazo natural ao sur da cidade de Santiago, aberto ao público desde 2018.

Para María do Cebreiro, «esta edición facsimilar ten a potencia de devolverlle á autora a súa soberanía», pois edicións posteriores á súa morte sufriron cambios sobre todo na estrutura dos poemas.

En las orillas del Sar anticipa a chegada da poesía moderna á Literatura española. Composto en versos libres, é profundamente existencial, fusiona a defensa da paisaxe galega cunha voz poética interior chea de personalidade, intensa, libre, desesperada en ocasións (pois a enfermidade que acabaría coa súa vida ao ano seguinte, avanzaba), esperanzadora noutras… e rebelde sempre.

O crítico e poeta da Generación de 1927 Dámaso Alonso considerou a Rosalía de Castro como unha das cimas da lírica moderna, «la poeta más personal de todo el siglo XIX español». Con este libro, En las orillas del Sar, Rosalía é, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, a fundadora da poesía española contemporánea. Ademais de ser a fundadora da literatura galega moderna.

CUBERTA EN PAPEL «FLORA AVORIO»

Esta nova edición está impresa en papel Flora Avorio para a capa e sobrecuberta, e Coral Book Ivory para o interior. O Flora Avorio é un papel parcialmente reciclado, suave ao tacto e con partículas visibles incrustadas na súa superficie, o que aporta un aspecto de papel antigo ou de época, moi acaído para a reprodución facsimilar desta obra orixinal de 1884.

A impresión levouse a cabo en Santiago de Compostela en Sacaúntos Cooperativa Gráfica.

 

 

Versos a Compostela [Edición bilingüe]

17,00 €

Rosalía de Castro

Nº páxinas: 122
Medidas: 14 x 21 cms
Idioma: bilingüe galego-castelán
Primeira edición: febreiro 2008
ISBN: 978-84–89323–20–9
Encadernación: cartonado

Versos a Compostela reúne por vez primeira –e en edición bilingüe– os poemas nos que a cidade de Santiago é o referente lírico e existencial de Rosalía de Castro (1837-1885). Nestas páxinas gozaremos da poeta en estado puro: intimista, moderna e turbadora. Xunto aos versos, antigas fotografías dun Santiago contraditorio, de “sombras queridas” mais tamén de “sombras odiadas”.

A escritora e profesora Helena Villar Janeiro é a responsable da edición literaria e tradución dos textos de Versos a Compostela, mentras que Xesús Rábade Paredes asina un clarificador estudo introdutorio.

O RETRATO INÉDITO DE FENOLLERA

Esta edición enriquécese coa recuperación dun retrato inédito de Rosalía: o busto realizado arredor de 1904 polo pintor José María Fenollera. O orixinal está perdido e unha copia foi exposta por vez primeira en 1985 no escaparate do fotógrafo Guitián, na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.

Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).