Dolores del Río: a palabra e a cruz
19,90 €Ana Belén Feijoó Valencia
231 pp. 13 x 23 cms
ISBN 979-13-88293-01-6
Papel FSC Amigo dos Bosques
Non podemos entender a nosa historia –política ou cultural– galega, a do último século e medio do noso país, sen escoitar, sen coñecer, todas as voces. Tamén as que máis nos poidan incomodar. Voces como a da autora coruñesa Dolores del Río Sánchez-Granados.
Unha figura totalmente esquecida, por varios motivos: pola histórica exclusión das mulleres da cultura (e máis se esas mulleres actuaron fóra dos centros hexemónicos españois), porque escribiu nunha etapa que é das menos estudadas da literatura galega (de 1913 é o seu primeiro texto en galego), e pola súa posición ideolóxica.
Autora dun só libro en vida, Dolores del Río foi unha laureada poeta, docente, activista social na Coruña de entreséculos… e ultraconservadora. Coincidía coas feministas dos anos 20 na necesidade de dar espazo e osíxeno na vida pública ás mulleres intelectuais, de defender o dereito á educación… pero todo dende unha moral ultracatólica e españolista, que non lle impedía, non obstante, facelo en galego, mesmo en plena guerra civil.
«Enfrontarse á súa obra obríganos a soster algunhas incomodidades no centro do discurso: que moitas mulleres exerceron violencias patriarcais contribuíndo activamente a reforzar os mesmos límites que as aprisionaban», afirma Ana Belén Feijoó, autora deste revelador ensaio, un volume que incorpora unha antoloxía de textos (en galego e castelán) escritos entre 1896 e 1943.