Compostela como desexo
14,50 €Antón Baamonde
Fernando Barros
Xerardo Estévez
Alfonso Salgado
Xosé Manuel Villanueva
ISBN 978-84-18567-53-3
Pp. 120. Formato: 12 x 19 cms
Impreso en offset en papel FSC Amigo dos Bosques
Nota de prensa: Compostela como desexo
CINCO AUTORES PROPOÑEN UNHA NOVA MIRADA SOBRE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Un filósofo, Antón Baamonde; un economista, Fernando Barros; dous arquitectos –Xerardo Estévez e Alfonso Salgado– e un filólogo, Xosé Manuel Villanueva, presentan nesta obra, Compostela como desexo, o que definen como “un documento de reflexión e de ilusión” para compartir coa cidadanía, conscientes de que a capital de Galicia afronta unha década crucial.
Estamos ante un libro moi singular. Un ensaio divulgativo onde cinco autores, todos eles cunha longa traxectoria profesional e persoal desenvolvida na capital de Galicia, propoñen unha nova mirada sobre a cidade.
A obra aborda, en catro breves capítulos, a historia, a economía, o territorio, o urbanismo e a cultura de Compostela. E propón, para cada un deles, ideas para construír e compartir entre todos un desexo común.
Os autores afirman que “este libro nace da constatación dunha insatisfacción á que non debemos resignarnos. É preciso volver a ilusionarse coa cidade e aproveitar todo o seu potencial para converterse nunha Compostela creativa, intelixente, plural, bohemia, respectuosa, creadora de alto valor engadido e repartidora de riqueza. Un Santiago de benestar e igualdade, amable, verde e acolledor”.
“Compostela debe elaborar un pensamento propio. O desexo que formulamos é que esta cidade non sexa só ‘punto de chegada’ de milleiros de persoas, senón tamén ‘punto de partida’ para un futuro posible e engaiolante”.