GUÍA SECRETA DA GASTRONOMÍA DE GALICIA: LUGO
16,00 €Páxinas: 152
Medidas: 18×18 cm
Idioma: galego
Data de publicación 1ª edición: agosto 2011
ISBN: 978-84-89323-69-8
Encadernación: tapa branda plastificada con lapelas
Colección: A lume lento [gastronomía]
A provincia máis grande de Galicia reúne quizais a meirande oferta gastronómica do país. Este libro é toda unha viaxe polos usos culinarios, as receitas, os produtos e os establecementos máis xenuínos de Lugo da man dun experto gastrónomo.
Tras a publicación do volume dedicado a Ourense, elaborado polo chef Martín Álvarez (Premio Gourmand 2010 á “Mellor viaxe gastronómica” e libro finalista dos Premios da Edición de Galicia 2010), a Guía secreta da gastronomía de Galicia continúa o seu percorrido. Agora, pola provincia de Lugo. Nesta segunda entrega, a provincia máis extensa do país revélanos, da man do experto gastrónomo Miguel Vila, os seus tesouros culinarios: produtos, receitas, costumes máis xenuínos e lugares onde atopar toda unha identidade gastronómica, tantas veces descoñecida por propios e foráneos.
UN MUNDO XENUÍNO
A guía detense nalgúns dos mellores pans do país (Ousá, Mondoñedo, Martiñán…) e en queixos de tres denominacións de orixe (San Simón, Arzúa-Ulloa e O Cebreiro) con outros menos populares e igual de xenuínos. Descóbrenos, así mesmo, como medir a gradación no picante dos pementos de Mougán ou fálanos de variantes antigas de patacas que aínda se sementan como a cazona ou a habanera. O autor viaxa polas peculiares receitas luguesas como as sardiñas arenques, o pato ao estilo Ribadeo, o bonito en rolo, os chanfainos ou chouláns, e recolle todo o universo da matanza. Remata, como non, coas sobremesas de sona (como as tortas de Mondoñedo, Portomarín ou Guitiriz) e outras menos coñecidas como a colineta, cos renacentes viños do sur (da Ribeira Sacra) e as augardentes (Portomarín ou Quiroga).
SEIS TESTEMUÑAS MOI ESPECIAIS
Seis amantes da boa cociña completan este brillante traballo de Miguel Vila: o cociñeiro Iago Castrillón, os xornalistas Manuel Gago e Santiago Jaureguízar, o escritor Xabier P. DoCampo, a presidenta da Asociación de Sumilleres (Mercedes González) e a escritora Helena Villar Janeiro. Cada un deles revélanos un secreto gastronómico lugués moi suculento.