Manuel Fraga Iribarne
MANUEL FRAGA IRIBARNE (Vilalba-Lugo, 1922-Madrid, 2012) redactou este último tomo das súas memorias nos meses nos que cumpría 83 anos e moi poucas semanas despois de ter deixado a presidencia da Xunta de Galicia, responsabilidad que exerceu durante 16 anos e con catro maiorías absolutas consecutivas. Nas eleccións de xuño de 2005 a coalición entre socialistas e nacionalistas conseguiu acceder ao poder. A actividade política de Manuel Fraga ten a súa xénese en 1951, momento no que foi nomeado secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica. Tiña daquela 39 anos, formárase na Universidade de Santiago e logo na Complutense de Madrid, onde se licenciou en Dereito, Ciencias Políticas e Ciencias Económicas. Obtivera xa a cátedra de Dereito Político (1948), e cinco anos máis tarde, as de Teoría do Estado e Dereito Constitucional. En xullo 1962 incorpórase como ministro de Información e Turismo a un dos gobernos de Franco. Durante os sete anos nos que desenvolveu esta tarea impulsou a Lei de Prensa e Imprenta de 1966 e converteu o turismo na primeira industria española. En setembro de 1973 é nomeado embaixador de España no Reino Unido e dende alí seguiría a agonía do réxime. Regresa a España o 19 de novembro de 1975 (a tarde anterior á morte do dictador), e en decembro sería nomeado vicepresidente para Asuntos do Interior e ministro da Gobernación do primeiro goberno da Monarquía. Os tres lustros seguintes –até a súa arribada en Galicia– víveos plenos de actividade: foi un dos pais da Constitución de 1978, crea o partido Alianza Popular en 1977 e baixo estas siglas é elixido deputado por Madrid nas eleccións deste mesmo ano, e as seguintes de 1979, 1982 e 1986. Ao ano seguinte, e até 1989, aséntase en Bruxelas como Parlamentario europeo. O 17 de decembro de 1989 celébranse as eleccións tralas que accede por maioría absoluta á Presidencia da Xunta de Galicia, cumprindo así o que definiu como “un vello soño”: ser o presidente do Goberno galego. Tomou posesión o 5 de febreiro de 1990. Manuel Fraga foi membro de número de varias Reais Academias e doutor “honoris causa” por una ducia de universidades de todo o mundo. É autor ademais de máis de noventa libros. En marzo de 2006, o incansable político vilalbés principiaba –agora de novo en Madrid– unha última etapa: nesta ocasión como Senador por Galicia. Faleceu en Madrid o 15 de xaneiro de 2012.