• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autor

Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego (Lourenzá-Lugo, 1913 - Vigo, 2010). Profesor de Dereito Penal, comezou a militar nas filas do galeguismo na II República e foi un dos fundadores da Editorial Galaxia (1950). É autor dunha amplísima obra que abarca case todos os xéneros. O seu biógrafo, Antón Mascato, defíneo como “a máis importante das figuras da restauración política e cultural de Galicia do século XX”. Entre os seus traballos escritos cómpre subliñar, ao longo dun labor de máis de setenta anos, o Índice cultural e artístico do renacemento galego (1931), Presencia de Galicia nos vieiros do arte novo (1933), Cos ollos do noso espírito (Bos Aires, 1949), Escolma da poesía galega: os contemporáneos (1955), Escolma da poesía galega: o século XIX (1957), Manual de Historia da literatura galega (1971), Vocabulario castellano-gallego (1979), O río do tempo, unha historia vivida (1990), Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000), e Camiño andado (2003), entre outras.

Libros do Autor

Sesenta gallegos ilustres

5,90 

OBRA PERIODÍSTICA OLVIDADA EN VIDA GALLEGA, 1956-1962

Francisco Fernández del Riego

 

Nº páxinas: 343
Lingua: castelán (o 90%) e galego
Medidas: 14×21
Ano 1ª edición: 2005
ISBN: 84–85311–21–3
Encadernación: capa dura
Ilustracións: reprodución dos orixinais de vinte artigos e varias páxinas da revista Vida Gallega correspondentes á súa segunda etapa, dos anos 50 e 60.

 

Recuperamos a valiosa obra xornalística para Vida Gallega dunha das figuras máis relevantes da cultura galega do século XX, Paco del Riego (Lourenzá-Lugo, 1912 – Vigo, 2010). Sesenta artigos escritos nos anos cincuenta e sesenta que permanecían inéditos en libro e nos que o histórico galeguista fai uso dunha prosa altamente suxestiva coa que nos transporta pola historia e o sentir de Galicia a través dos séculos.

 

Trátase de sesenta artigos que este histórico galeguista -unha das figuras máis relevantes da cultura galega do século XX- escribiu entre os anos 1956 e 1962 dentro dunha sección fixa titulada “Perfiles gallegos”, asinada cun dos seudónimos habituais do escritor, Cosme Barreiros.

 

A través dunha prosa altamente suxestiva, en Sesenta gallegos ilustres Fernández del Riego lévanos pola historia e o sentir de Galicia a través dos seus poetas, pintores, músicos, políticos, aventureiros… Entre eles, Vicetto, Castelao, o Conde de Gondomar, Xoán Montes, Diego Gelmírez, Villar Ponte, Domingo Fontán, Couceiro Freijomil, Nóvoa Santos…

 

É o propio autor quen prologou, aos 92 anos, estes textos recuperados, que aparecen nesta coidada edición con outros traballos seus tamén inéditos en libro, e varios orixinais dos seus artigos tal e como os entregou o escritor á redacción de Vida Gallega.

 

PACO DEL RIEGO: “ERAN TEMPOS ESCUROS”

 

No seu Apunte Limiar, Fernández del Riego afirma que estes textos foron publicados nun tempo “de mesta escuridade para as Letras e a Lingua galegas. O uso público do idioma literario aturaba os máis duros atrancos. Fomentábase dende o poder político a desmemoria dos valores autóctonos e de todo o que supuxese afirmación do ser de Galicia”.

 

Así e todo, este novo libro de Fernández del Riego Sesenta gallegos ilustres permítenos comprobar como en cada páxina, e burlando todas as censuras, se transmite unha aberta defensa do ser e a identidade de Galicia.