• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autor

Modesto Fraga

Modesto Fraga Moure (Fisterra, 1974) é poeta e narrador. Realizou estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago, formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e foi integrante do consello editorial de Letras de Cal. Os seus versos levan colleitado numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Premio Avelina Valladares (1997), Premio O Grelo-Amigos de Galicia (1997), Premio Rosalía de Castro (1998), Premio Francisco Añón (1998), Premio do Seminario de Estudos Comarcais (2012), XLI Certame Literario Concello de Vilalba (2015) ou o XIX Premio de Poesía Concello de Carral (2016). É autor dos seguintes libros de poemas: Do amor salgado (1997), Mar de ausencias (1999. 1ª ed.), Ese estraño silencio (2002), Derrotas con raíces (2007), Mar de ausencias (2009. 2ª ed.), Atlántica luz. Poesía mareira 1995-2015 (2015), Devalar sen pel (no prelo). Ademais, publicou o ensaio Fisterra, a derradeira perla de occidente (2014) e coordinou, con Miro Villar, a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (2009).

Libros do Autor

ADAGIO POR OUTONO

9,00 

[1º Premio XLI Certame de Poesía Concello de Vilalba]

 

76 pp | 14 x 21 cms
ISBN 978-84-16460-10-6

 

«Unha alta sinfonía do amor onde todo é tocado polo milagre dunha luz que emana da palabra poética». De tal xeito define a profesora Teresa Seara, no Limiar de Adagio por outono, a paixón lírica que destilan estes novos versos de Modesto Fraga, escritor de longa e premiada traxectoria literaria que suma, aos moitos recoñecementos recibidos, este primeiro premio de 2015 no XLI Certame Literario do Concello de Vilalba.

 

Adagio por outono é unha homenaxe a aqueles poetas italianos que, no século XIII, foron quen de rachar coa tradición e situar á muller no centro da súa lírica e ao sentimento amoroso na cerna da súa revolución estética e da súa esperanza. Foron coñecidos como o Dolce Stil Novo.

 

Modesto Fraga escolle da tradición a arquitectura plena do soneto e dende ela transita ata o verso libre. Camiñamos, coa súa palabra, a través de Florencia, contemplamos a dozura dos lenzos de Rafael, abraiámonos ante o Pórtico da Gloria en Compostela, ou asistimos a un banquete poético onde se dan cita escollidas voces da literatura e da arte universais de todos os tempos.

 

Cada lector, cada lectora, atopará aquí poderosas razóns para vivir máis vidas e máis fondas a través da poesía e do amor.