• 0 Items - 0,00 
    • Non hai produtos no carriño.

Autoría

Inacio e Iván Suárez

Inacio e Iván Suárez. Lalín, 1974 (Inacio); Santiago, 1973 (Iván). Foron galardoados co Premio Castelao de BD por Titoán (2010). Despois virían O pobre tolo (2012), Máis alá (2013) e Atila (2015), todos eles sobre Castelao. Outros cómics de ambos son As pombas de Carboeiro (2020), O voo da curuxa (2022), O reiciño de Galiza (2023) ou Pedro e o lobo (2024).

Libros do Autor

Bestiario das alturas. A incrible historia dos escalatorres

22,00 

Inacio e Iván Suárez

64 pp. 23 x 31 cms.
ISBN 978-84-18567-88-9.
PAPEL FSC Amigo dos Bosques

NP_GAL_Bestiario_das_alturas_2025_converted

Mostra-Bestiario-alturas-alvarellos-ed-2025-26

Hoxe semellan seres de ficción, pero existiron realmente. Son os coñecidos como Escalatorres. Personaxes míticos que, antes da guerra civil, ascendían, sen protección ningunha, ata a cima dos edificios máis emblemáticos de Galicia e do noroeste da península. Bestiario das alturas (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago) é o título dunha novela gráfica escrita por Inacio e ilustrada por Iván Suárez, que concibida para todos os públicos, recupera as extraordinarias existencias destes artistas circenses.

Como o granadino Puertollano, que coroou en 1909 a compostelá Torre Berenguela; o Barquerito, Manuel Escudero, quen vestido de toureiro gabeaba pola torre da Peregrina en Pontevedra, ou o portugués Antonio Sousa e a súa muller, alcumados Os Morcegos, pois escalaban cos ollos vendados a concatedral de Vigo… Este volume percorre ata quince biografías realmente incribles.

A partir destes feitos reais, a ficción sitúase en 1965. Grazas ao daquela alcalde de Pontevedra, Xosé Filgueira Valverde, o escritor Álvaro Cunqueiro coñece ao escalatorres Barquerito. Nun paseo pola cidade do Lérez irán xurdindo, na conversa, os máis famosos gabeadores da nosa historia.

Esta novela gráfica pretende ser tamén unha reflexión sobre o medo e como enfrontarse a el. «Os chinos din que o medo sempre está de costas, que se estivese de fronte non habería ninguén vivo, todos teriamos morrido xa de medo», afirmaba Álvaro Cunqueiro.

Alvarellos Editora
Resumen de privacidade

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e para mostrarche publicidade personalizada en base a un perfil elaborado a partir dos teus hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas).