Semente de mencer. Obra poética I. Volumes editados 1970-2006
37,00 €Darío Xohán Cabana
746 pp . 13 x 20 cms.
ISBN 978-84-18567-86-5.
PAPEL FSC. Amigo dos Bosques
NP_GAL_Semente_de_mencer_nov_2025
Baixo o título de Semente de mencer publicamos toda a obra poética, editada en libro en vida do autor, de Darío Xohán Cabana (Roás, 1952-Romeán, 2021). Un coidado volume de 746 páxinas, en capa dura, dentro da nosa colección Rescate. E nunha edición, estudo e notas a cargo de Anxo Angueira.
Reúne os quince libros publicados en vida do autor, dende Verbas a un irmao (1970) ata Cabalgada na brétema (2006). Ademais, aporta un apartado gráfico que percorre a vida de Xohán Cabana a través de fotografías, manuscritos e capas históricas dalgún dos seus títulos.
Así o explica, no limiar, Anxo Angueira:
«Non sei se nun caso de escritor total coma o de Darío Xohán Cabana procede mellor que en ningún outro dicir que é poeta por riba de todo. A poesía organizou toda a súa vida literaria de tal xeito que concibimos a monumental obra de Darío como a dun poeta constante e sen descanso.
»Poboada de flores de aceiro e en galego literario rico, aberto e poderoso, a poesía de Darío, ollada desde hoxe, convídanos a facer memoria das grandes encrucilladas políticas da Galicia contemporánea, especialmente as que el viviu en primeira persoa. Pero tamén nos leva ás grandes encrucilladas atemporais do ser humano, aquelas que o presentan diante do amor e mais da morte, diante da angustia e da esperanza, diante da liberdade aferrollada e da semente de mencer».
A presente edición leva por subtítulo «Volume 1» porque esta editorial prepara para finais de 2026 un segundo volume que reunirá a obra inédita e a dispersa do autor.
Títulos reunidos en Semente de mencer:
Verbas a un irmao (1970), Home e terra (1970), Romanceiro da Terra Chá (1973), Mortos porque Galicia viva (1974), Elexía nunha escuridade mortal (1974),
Ábrelle a porta ó día (1981), A fraga amurallada (1983), VIII Fragmentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Cantigas de amor vilao (1987), Patria do mar (1989), Chirlo Merlo na figueira (1990), Cinco lendas (1993), Canta de cerca a morte (1994), Cabalgada na brétema (2006).